Xermade gaña o II Premio Eolo á integración rural da eólica
O municipio galego de Xermade alzouse co Premio Eolo 2013 á integración rural da eólica na súa segunda edición. A Asociación Empresarial Eólica (AEE) decidiu premiar a Xermade por tratarse dun municipio modélico no que ao desenvolvemento eólico se refire. Trátase dun pobo dedicado á agricultura de autoconsumo e a gandaría, que utilizou os recursos xerados por esta enerxía para crear riqueza e emprego.
A bisbarra conta con 2.100 habitantes e 82 MW eólicos, repartidos en tres parques. O 20% da poboación total da bisbarra ten un emprego ligado directa ou indirectamente á eólica. O 20% dos ingresos do Concello proceden da eólica e reinvestíronse no desenvolvemento de actuacións de interese comunitario que melloraron a calidade de vida dos veciños. As axudas á natalidade para fomentar a permanencia no municipio, a mellora das prestacións sociais, a rehabilitación de edificios, as obras de acondicionamento urbano con actuacións racionais, as vivendas sociais e os investimentos relacionados coa sostibilidade enerxética son só algúns exemplos.