Sesión ordinaria do Pleno o xoves 8 de xuño
Consonte á periodicidade establecida neste mandato que está a piques de rematar, o Pleno de Xermade reúnese en sesión ordinaria o xoves 8 de xuño de 2023. Na parte resolutiva o único asunto é a resolución do expediente de deslinde dun camiño público no lugar das Casas Novas, que foi iniciado no pleno do mes de abril.
Na parte de fiscalización e control dáse conta dos informes de control financeiro en materia de subvencións e ingresos, emitidos pola Intervención municipal en aplicación do Plan Anual de Control Financeiro do exercicio 2022, así como o informe-resumo das actuacións de control financeiro levadas a cabo neste exercicio. Tamén se dá conta ao Pleno do Plan Anual de Control Financeiro para o exercicio 2023, elaborado pola Intervención municipal.
Cúmprese tamén coa obriga de informar ao Pleno dos envíos ao Ministerio a través da Oficina Virtual de Coordinación Financeira coas entidades locais, no que respecta á execución do 1º trimestre de 2023 e Período Medio de Pago do 1º trimestre de 2023 (o PMP foi de 21,82 días dende a entrada da factura no rexistro), así como o esforzo fiscal do exercicio 2021.
Esta sesión será a penúltima deste mandato, posto que o 14 de xuño o Pleno reunirase de novo en sesión extraordinaria para aprobar as actas pendentes.