Sesión ordinaria do Pleno da Corporación o vindeiro xoves 12 de agosto
A Corporación xermadina reunirase en sesión ordinaria o vindeiro xoves 12 de agosto, ás 20.00 horas. Na parte resolutiva vaise tratar a conta xeral do exercicio 2020, que xa foi ditaminada pola Comisión Especial de Contas o pasado 28 de maio de 2021 e o trámite de exposición público finalizou sen que se presentara ningunha alegación; e os festivos locais para o ano 2022, que volven a ser o martes de Entroido e o luns de Santa María.
O último asunto da sección resolutiva é a modificación da ordenanza fiscal nº 8, reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles, motivada pola aprobación dunha nova Ponencia de Valores Urbanos por parte da Xerencia do Catastro de Lugo, que supón unha diminución da base liquidable para 2022 dun 61,57% respecto aos valores de 2021. Modifícanse os tipos impositivos de urbana e rústica, que pasan a ser do 0,45%, e elimínanse as bonificacións aprobadas no 2011. Deste xeito manténse o nivel de ingresos que se obtiñan polo IBI nestes últimos exercicios, a fin de que os servizos públicos municipais non se vexan afectados negativamente por esa caída do valor catastral.
Na parte de control e fiscalización, darase conta do Período Medio de Pago do segundo trimestre de 2021, que é de 10,33 días, e das resolucións da Alcaldía adoptadas dende a última sesión ordinaria.