OS SERVICIOS SOCIAIS COMUNITARIOS

De acordo co expresado no artigo 9 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, os servizos sociais comunitarios de carácter predominantemente local, están referenciados a un territorio e a unha poboación derterminados e consitúen o acceso normalizado e o primeiro nivel de intervención do sistema galego de servicios sociais. Poden ter a consideración de servizos sociais comunitarios básicos e/ou específicos.

PERSOAL

O departamento de Servizos Sociais do Concello de Xermade conta, para o desenvolvemento das súas funcións, cunha traballadora social e cunha educadora familiar.

Horario de atención ó público: 9.00 – 14.00

E-mail traballadora social (Nuria Lagüela Felpeto): servizossociais@xermade.org

E-mail educadora familiar (Lucía Guizán Trastoy):  educadora.familiar@xermade.org

PROGRAMAS E SERVIZOS COMUNITARIOS BÁSICOS

serviciossociais01

  1. Programa de valoración, orientación e información

Este programa garantirá o acceso universal e gratuito ao sistema galego de Servizos Sociais. O contido básico é o seguinte:

  • Proporcionar información, orientación, asesoramento e acompañamento á persoas, familias e/ou grupos sociais, a cerca dos distintos recursos e dereitos en materia de servizos sociais.
  • Derivación a outros servizos.
  • Valoración e diagnóstico social das demandas da cidadanía.

  1. Programa de Familia e Convivencia
    • Servizo de axuda no fogar (S.A.F):

É un servizo público consistente en ofrecer un conxunto de atencións ás persoas no seu propio domicilio para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu medio habitual. Poderase prestar a calquera persoa ou unidade de convivencia para as cales, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención.

Teñen cabida atencións de carácter persoal, doméstico e da vivenda, e acompañamento persoal na realización doutras actividades necesarias da vida diaria.

  • Xantar na Casa:

Servizo de atención alimentaria no domicilio que pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade, adaptada ás necesidades das persoas maiores, con discapacidade e/ou en risco de exclusión social. Pode ser complementario doutros recursos.

  • Servizo de educación e apoio familiar:

Concíbese o programa de Educación Familiar como un servizo educativo e psicosocial de prevención, intervención e apoio dirixido ás familias e a toda a comunidade. Ten como finalidade promover a calidade de vida e o benestar social das familias e dos membros que a integran. Persegue a promoción da autonomía familiar, o desenvolvemento integral das súas potencialidades e a súa participación activa como protagonistas do seu cambio, a partir dun proceso co-construído entre as familias, as/os profesionais e os axentes da súa comunidade.

  1. Programa básico de inserción social

Procura valorar, dar resposta ou derivar ao recurso idóneo as persoas en situacións ou risco de exclusión social, aplicando tanto proxectos de intervención social personalizados ou de grupo como prestacións económicas específicas.

  • Emerxencia Social municipal:

Consiste nunha dotación económica non periódica que ten como finalidade posibilitar ou reforzar os procesos de inclusión das persoas ou familias en situación de exclusión ou risco de exclusión social, así como atender as situacións de grave emerxencia de persoas ou familias vulnerables. Están destinadas a sufragar gastos extraordinarios e urxentes.

  • Servizo de prevención de drogodependencias e condutas aditivas:

As accións desenvoltas, oriéntanse a reducir influenzas de carácter global que potencian os factores de risco mediante unha actuación contextualizada na realidade local promotora de factores de protección.

  1. Programa de fomento da cooperación e da solidariedade social

Dende este programa, preténdese facilitar a participación comunitaria en tarefas colectivas, impulsar o asociacionismo solidario e organizar e coordinar o voluntariado social.

As tarefas básicas levadas a cabo son:

  • Realización de diferentes actividades dirixidas á poboación en xeral do concello de Xermade, co fin de promove-la animación social e a participación veciñal. (Proxecto: “Xermade, un pobo con vida”)
  • Favorecer a solidaridade entre os membros da comunidade local e a acción voluntaria na área social. Iniciativas que teñen cabida entre outras: roupeiro municipal, donación de axudas técnicas…
  • Fomentar o intercambio xeracional, a interculturalidade e as medidas de acción positiva para a consecución da igualdade.
  • Prevención da violencia de xénero.
    • Dinamización comunitaria – “Xermade, un pobo con vida”:

Perséguese potenciar a participación na vida comunitaria, fomentando a iniciativa social, a solidariedade, o asociacionismo e o voluntariado, así como favorecer a toma de conciencia da cidadanía sobre as circunstancias que lles afectan e instrumentar os mecanismos que fagan posible a participación destas na xestión dos servicios e actividades que se poidesen demandar. Así mesmo, trátase de fomentar a inserción social favorecendo o desenvolvemento de actividades varias que contribúan a tal fin.