O Pleno reuniuse en sesión ordinaria o xoves 17 de febreiro
A sesión plenaria de carácter ordinario correspondente ao mes de febreiro tivo lugar o pasado xoves 17, ás 20.00 horas.
O alcalde, Roberto García Pernas, abreu a sesión mostrando o seu apoio á familia da nena Desireé Leal, tras celebrarse o xuízo pola súa morte na Audiencia Provincial de Lugo recentemente e resultar condenada a súa nai, Ana Sandamil. Tamén se referiu a un roubo con agresión que tivo lugar en Candamil o pasado 5 de febreiro, que está investigando a Garda Civil, mentras a veciña afectada evoluciona favorablemente na UCI do HULA.
Na parte resolutiva da sesión acordouse a solicitude de festa de interese turístico de Galicia do Encontro Internacional de Torneiros, que este ano 2022 celebra a súa XXII edición. Ao tratarse dun evento único en Galicia, no que se xuntan torneiros de relevancia internacional, dende o concello agardan que se acade este distintivo.
Tamén se aprobou o cambio de uso dunha parte da parcela na que se ubica a reitoral de San Pedro Fiz de Roupar, para executar un parque infantil. Esta parcela vai ser adquirida polo concello, froito dun acordo co Bispado de Mondoñedo-Ferrol no que se inclúe a Reitoral de Xermade, pero con carácter previo debe segregarse a porción na que se ubica a reitoral. O parque infantil será executado con fondos do Plan Único 2022 da Deputación de Lugo.
Na parte de fiscalización e control, douse conta das subvencións solicitadas neste 2022 (entre elas o Plan Único 2022 da Deputación), así como dos envíos realizados á Oficina Virtual de Coordinación Financeira coas Entidades Locais do Ministerio de Facenda, entre eles o Período Medio de Pago do 4º trimestre de 2021, que é de 16,93 días.