O Pleno acorda investir o remanente na reparación de vías municipais e adquisición da reitoral de Roupar
O Pleno xermadino reuniuse en sesión ordinaria o pasado xoves 7 de abril, con varios asuntos na orde do día. Entre eles, dúas modificacións de crédito financiadas con remanente líquido de tesourería procedente da liquidación do exercicio 2021. En total, investirase 455.251,53 euros en 4 proxectos de reparación de vías municipais:
- Reparación de estradas en A Ermida, O Chao, Lousada, Badoi e A Silva (167.668,19 euros, IVE incluido)
- Reparación de estradas en A Criba, Cabreiros, Candamil e O Aruxo (182.991,64 euros, IVE incluido)
- Reparación de pistas forestais zona norte (41.713,07 euros, IVE incluido)
- Reparación de pistas forestais zona sur (44.490,13 euros, IVE incluido)
O custe das obras ascende a 441.263,29 euros, e os 13.998,24 euros restantes van destinados aos honorarios de redacción dos proxectos e dirección das obras.
Por outra banda, adícanse 50.000 euros á adquisición da reitoral de Roupar, compravenda que non puido formalizarse no ano 2021 por requirir unha segregación previa que se atopa pendente das autorizacións sectoriais de Patrimonio e o Servizo de Vías e Obras da Deputación de Lugo.
Tamén se adican 15.000 euros a financiar un convenio coa Universidade da Coruña para a redacción do proxecto básico e de execución da Casa da Veciñanza de Roupar e a documentación esixida polo Instituto de Transición Xusta para solicitar as axudas que se van convocar a finais de maio; así como para a rehabilitación de reitoral de Xermade, adquiririda en novembro de 2021.
Por último, prevese unha partida de 3.000 euros para adquirir a parcela na que se ubicará a depuradora do Campo da Feira, en Momán, que se executará neste 2022 con cargo a un convenio asinado coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
Nesta sesión ordinaria tamén se aprobou unha declaración institucional de integridade e compromiso ético, de cara á xestión de fondos europeos en execución das medidas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que esixe dispoñer dun Plan de medidas antifraude.
Douse conta tamén ao Pleno da aprobación da liquidación do orzamento do exercicio 2021, que se saldou cun resultado orzamentario axustado de 235.217,53 euros e un remanente líquido de tesouraría para gastos xerais de 961.005,07 euros.
Por último, a Alcaldía informou ao Pleno respecto das solicitudes de axudas presentadas dende a sesión ordinaria do mes de abril. Pode consultar o contido do informe:20220404_Informe_Informe_INFORME DA ALCALDÍA