Concello de Xermade

Escudo

Unha banda de ouro que lembra á que se dispón nas armas dos Andrade. Un báculo de prata que fai referencia  á xurisdicción dos mosteiros de Meira e Monfero, sobre estas terras.  Dous bazantes de ouro en alusión ás testemuñas arqueolóxicas, en particular ás referidas á cultura castrexa. Todo sobre un campo de sinople ( verde ), que representa a importancia da vexetación para a vida deste Concello. O conxunto cinguido  con coroa, por ser concello creado na xurisdición real.

Ubicación

Xermade pertence á Comarca da Terra Chá. Está situado ao noroeste da provincia de Lugo e limita  cos concellos coruñeses de As Pontes de García Rodríguez e Monfero e cos Lucenses de Guitiriz, Vilalba e Muras.

Superficie · Parroquias · Poboación

Superficie:  167 km2.

Parroquias: Burgás, Cabreiros, Candamil, Cazás, Lousada, Miraz, Momán , Piñeiro, Roupar e Xermade.

Poboación: 1.698 habitantes ( 01/01/2024 )

Atractivos

A natureza, as paisaxes, o seu patrimonio etnográfico e arquitectónico…son lugares idóneos para practicar turismo de lecer e de aventura a través das rutas de sendeirismo deseñadas por espazos naturais incluídos na Reserva da Biosfera Terras do Miño, cheas de lendas e historias medievais.

Turismo

As casas e hoteis rurais, xunto coas anteditas rutas e o encanto das pequenas aldeas, acompañado da excelente gastronomía e da amabilidade das nosas xentes, converten ao turismo rural nun sector en auxe que ofrece calidade no servizo.

VERDE, ENTRE RÍOS E MONTES

A Serra da Carba delimita ao concello polo Norte, chegando aos 876 metros en Goía – Peñote. Ao Oeste, está a Serra da Loba, co cumio de 706 metros no Candieiro e os 702 metros no Serrón do Lobo.

Numerosos ríos e regatos reparten a auga do Concello ata o Atlántico e o Cantábrico. A través do Trimaz e o Labrada, chegan ao Ladra, que a canaliza ata o río Miño.

Polo Norte, o río Eume delimita Xermade e Muras, recollendo as augas do Chamoselo e o Folgoso.

O clima é oceánico con invernos chuviosos e con neve nos cumios. Os veráns son frescos e axeitados para a práctica de deportes de natureza.

RESERVA DA BIOSFERA

A totalidade do Concello está incluído na Reserva da Biosfera “ Terras do Miño “, onde a auga é a protagonista dos ecosistemas.

RÍO EUME: Delimita Xermade polo Noroeste, dando nome ao Parque Natural Fragas do Eume. Este espazo está cuberto en grande parte por bosques de carballo e castiñeiro con alta diversidade de especies forestais e fauna. Abarca unha zona de Xermade limitando coa provincia de A Coruña.

COMPLEXO HÚMIDO PARGA – LADRA – TÁMOGA:  Está formado por unha extensa rede fluvial con lagoas, árbores de ribeira ( ameneiros, salgueiros, freixos, carballos e acibros centenarios…) e zonas húmidas asociadas a pasteiros, áreas agrícolas.  Acolle un importante número de aves acuáticas e mamíferos.

LIC SERRA DO XISTRAL: Inclúe no seu espazo de Rede Natura a Serra da Carba Sistema montañoso que se extende polo norte do Concello. De gran importancia ecolóxica pola presencia de especies endémicas típicas destas zonas e diversos tipos  de uces. Na parte alta dos vales predomina o bosque caducifolio.Fauna variada pola diversidade de hábitats.

ETNOGRAFÍA

MUÍÑOS: Os muíños de auga son edificacións singulares espallados por toda a xeografía do concello usados para moer o gran dos cereais colleitados na zona e que se almacenaba nos hórreos ou cabazos; dos que aínda quedan mostras no Concello con antigüidade superior a un século.

BATÁNS: Son máquinas movidas pola forza da auga, detinadas a trocar os tecidos tradicionais ( basicamente liño ), en tecido máis compactos, mediante o mecanismo de mazos de madeira. Hai restos destas construcións en Lousada, a carón do rego Folgoso.

CASA DA NEVEIRA:  Situada tamén en Lousada. É un edificio de base rectangular, en pedra. A neve que se recollía en zonas próximas no inverno, pisábase na Casa da Neveira ata convertela en xeo, separado por láminas de palla para permitir así o seu corte posterior. Era usada para conservar o peixe no porto de Ferrol, ata onde chegaba a través do Camiño Real.

FOXOS DO LOBO:  Empregados ata o primeiro terzo do século XX para a caza destes animais. As parroquias de Lousada, Momán e Cazás gardan vestixios destes elementos.

CÁRCERE DE ROUPAR:  Edificio usado polo correxidor do rei en tempos do Conde de Amarante, como cadea.

FRAGA DA LAGOA:  Nicho ecolóxico, no que carballos e acivros centenarios se mesturan co bosque autóctono. Na cabeceira nace o río Trimaz, ao que se unen outros regatos que baixan da Serra da Carba.

ALGO DE HISTORIA: PALEOLÍTICO, CASTROS E ROMANIZACIÓN

Varios xacementos do Paleolítico sitúan en Xermade unha grande actividade nas primeiras épocas do poboamento de Galicia.  Dous na Pena Grande de Férvedes, en Lousada e outro no monte de Candamil ( Abrigo Curaceiro ). Son cavidades naturais entre rochas que serviron de morada e refuxio aos primeiros habitantes de Xermade. Ao pé do primeiro destes xacementos, da Pena Grande de Férvedes, atopouse a manifestación artística máis antiga coñecida ata hoxe en Galicia; o colgante de Férvedes, unha peza ornamental do Paleolítico superior de máis de 17.000 anos de antigüidade. É un pequeno colar de pedra decorado cun trazo recto en ámbalas dúas caras.

A grande cantidade de medoñas son outro claro exemplo do megalitismo. Destaca pola súa extensión a necrópole de Lousada, na Abelleira, que é un conxunto de medoñas na que se atoparon restos megalíticos ( por exemplo, puntas de frechas ).

Os castros son manifestacións da cultura celta. Son significativos os castros de Xemaré e das Testas (en Burgás ), a Aira dos Mouros e O Castro ( en Cabreiros ), o Castro da Igrexa ( en Cazás ), Castrorramil ( en Momán ), Castrillán, Sucastro e A Graña ( en Roupar ) e o Monte do Castro ( en Miraz ).

A Vila Romana da Graña, deixa entrever restos un hipocausto ( único no interior da provincia de Lugo ), que indica que puido ser unha “villae” ( residencia dun patricio romano ), que conxuga estancias nobres e instalacións para a transformación e almacenamento de produtos agropecuarios.

Dos pobos xermanos quedan numerosas mostras na toponimia.

IDADE MEDIAXermade era encrucillada de camiños. O Camiño Real da Carba, entre Mondoñedo e Ferrol, foi unha importante vía de comunicación medieval que se atopaba nestas terras cos camiños que unían Lugo e Betanzos con Viveiro.

IDADE CONTEMPORÁNEA:

ESCOLA HABANERA DE ROUPAR : É un fermoso e emblemático edificio, símbolo da preocupación que pola cultura tiveron os emigrantes da parroquia de Roupar na segunda década

do século XX.  Recentemente restaurada e acondicionada, a edificación alberga hoxe o centro socio-cultural da parroquia de Roupar de Arriba.  Está situada xunto á igrexa parroquial .

CASA DA TORRE DE ROUPAR: Antiga morada do Conde de Amarante, hoxe é vivenda rural.

ESCOLA DE CABREIROS : Antigo colexio e hoxe local social dos veciños da parroquia.

PASOS DA PONTENOVA :  Situados preto da Charca dos Patelos, e que servían para vadear o camiño anegado polo río nas enchentas.

PONTE DE ISABEL II, sobre o río Trimaz en Cabreiros.