Formación para coidadores de persoas en situación de dependencia

Imparte: AFALU (Asociación de familiares de enfermos de alzheimer e outras demencias neurodexenerativas de Lugo)

-Mércores 19 de xullo
-Casa Escola de Cabreiros (Xermade)
-16.00 – 21.00 horas

-Inscrición: 607 84 33 84

Trámite de información pública do proxecto modificado do parque eólico Santuario

•INFORMACIÓN PÚBLICA•

O xoves 22 de xuño publicouse no BOP de Lugo o anuncio do Proxecto Modificado Abril 2023 da instalación do “Parque Eólico Santuario” e que unha parte se sitúa no termo municipal do Concello de Xermade.

Ábrese un prazo para presentar as alegacións e os informes que se consideren oportunos, sendo o último día o 4 de agosto de 2023 (incluído).

Quen o desexe pode consultar a documentación do proxecto en persoa nas dependencias do Concello de Xermade en horario de 09:00 a 14:00 de luns a venres.

https://www.deputacionlugo.gal/es/boletin-oficial-da-provincia-de-lugo/bop

Contratación de persoal financiado polo convenio de prevención de incendios

O Concello de Xermade aprobou o 26 de maio de 2023 o borrador do convenio de prevención de incendios forestais remitido pola Consellería de Medio Rural.

As bases para a formación dunha bolsa de emprego para contratar a peóns especializados en traballos forestais foron aprobadas pola Alcaldía o 1 de xuño de 2023 e publicadas na sede electrónica municipal. O prazo de presentación de instancias, de dez días naturais, finalizou o 12 de xuño de 2023.

O proceso selectivo realizouse o 16 de xuño de 2023 na nave municipal sita no parque empresarial. Dos cinco candidatos admitidos, acudiron realizar as probas catro, superando a totalidade as probas realizadas.

Con cargo ao citado convenio contratouse o 26 de xuño de 2023 a tres peóns especializados en traballos forestais, para realizar tratamentos preventivos de xeito mecanizado, por un prazo de tres meses. O período de operatividade fixado polo convenio remata o 30 de setembro de 2023.

O Concello de Xermade ten planificada a limpeza e desbroce de pistas municipais nas dez parroquias do municipio nestes tres meses de verán.

Organización da nova Corporación municipal

Constituida a nova Corporación o 17 de xuño, o luns 19 a Alcaldía ditaba as resolucións de nomeamento de tenentes de alcalde e delegación de áreas nos concelleiros e concelleiras que forman o goberno local:

Primeiro Tenente de Alcalde: D. José Prieto Barro.

Segundo Tenente de Alcalde: D. Carlos Alberto Guerra González.

Terceira Tenente de Alcalde: Dª. Verónica Amarelo Morado.

Aos tenentes de alcalde, en canto tales, corresponderalles substituír ao alcalde na totalidade das súas funcións e pola orde de nomeamento, nos casos de ausencia, enfermidade ou impedimento que lle imposibilite para o exercicio das súas atribucións, así como desempeñar as funcións de alcalde nos supostos de vacante na Alcaldía ata que tome posesión o novo Alcalde.

Polo que respecta ás delegacións de áreas, quedan do seguinte xeito:

– D. José Prieto Barro (1º tenente de alcalde): Medio rural, Emprego, Medio ambiente e Servizos.

– D. Carlos Alberto Guerra González (2º tenente de alcalde): Economía e Facenda, Turismo, Sanidade e Protección Civil.

– Dª. Verónica Amarelo Morado (3º tenente de alcalde): Educación, Cultura, Deportes e Xuventude.

– Dª. Nélida Coira Pena: Benestar social, Igualdade e Participación Cidadá.

A delegación inclúe as facultades de dirección interna e xestión dos servicios, non incluíndo a facultade de resolver ningún expediente.

Os restantes acordos relativos á organización municipal serán elevados ao Pleno, que se reunirá o luns 26 de xuño ás 14.30 horas, para tratar os seguintes asuntos:

ORDE DO DÍA:

A) Sección resolutiva

1º. Sorteo de membros das mesas electorais das eleccións ao Congreso dos Deputados e ao Senado que se celebrarán o 23 de xullo de 2023.

2º. Periodicidade das sesión do pleno.

3º. Creación e composición da Comisión Especial de Contas.

4º. Nomeamento de representantes da Corporación en órganos colexiados externos de competencia plenaria.

5º. Retribucións e asistencias dos cargos electos.

6º. Creación da xunta de goberno local e delegación de competencias plenarias.

7º. Creación da Comisión de Voceiros.

B) Sección de control

8º. Dación de conta da composición dos grupos políticos municipais.

9º. Dación de conta da resolución da Alcaldía en materia de nomeamentos de tenentes de alcalde.

10º. Dación de conta da resolución da Alcaldía en materia de delegacións conferidas.

A Alcaldía propón que as sesións ordinarias do pleno sexan cada dous meses, o segundo xoves dos meses impares, polo que o primeiro Pleno ordinario terá lugar o xoves 13 de xullo de 2023, ás 20.00 horas. Tamén se propón a creación da Xunta de Goberno Local, que estará formada polos tres tenentes de alcalde, baixo a presidencia do alcalde, e reunirase o primeiro e terceiro mércores de mes, ás 14.30 horas.

O réxime de dedicacións proposto é dunha dedicación parcial de 30 horas semanais para a Alcaldía (de 22.215,60 euros brutos en 12 pagas) e unha segunda dedicación parcial de 26 horas semanais para o primeiro tenente de alcalde (16.373,76 euros). As indemnizacións por asistencias a plenos son de 60 euros, para a Xunta de Goberno Local 100 euros e para comisións informativas e resto de órganos colexiados de 40 euros.

Darase conta da constitución dos grupos políticos municipais: o grupo municipal do Partido Popular, formado por 4 concelleiros, cuxo portavoz será Antonio Riveira, e o grupo municipal do PSdeG-PSOE de Xermade, formado por 5 concelleiros, cuxo portavoz será Carlos Alberto Guerra González.

Constitución da nova Corporación Municipal

A Corporación resultante das eleccións municipais celebradas o pasado 28 de maio constituiuse o pasado sábado 17 de xuño, ás 13.15 horas. O pleno de constitución tivo dúas partes diferenciadas: a toma de posesión dos concelleiros e concelleiras electos, en primeiro lugar, e a elección de alcalde, en segundo lugar. Roberto García Pernas acadou a maioría absoluta na primeira votación, polo que tomou posesión de novo do cargo, que ostenta dende o 2015.

A sesión transcorreu sen incidencias e nun ambiente de cordialidade entre todos os membros da Corporación. Ao remate, todos posaron para inmortalizar o momento ás portas da Casa Consistorial.

O pleno de organización terá lugar o vindeiro luns 26 de xuño, coincidindo co sorteo de membros das mesas electorais con motivo das eleccións xerais que se celebrarán o 23 de xullo de 2023.

Cese da actual Corporación e toma de posesión da nova

O Pleno da Corporación reuniuse onte en sesión extraordinaria para aprobar a acta da sesión ordinaria celebrada o pasado 8 de xuño de 2023. O artigo 36 do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais aprobado por Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro dispón o seguinte: “O terceiro día anterior ao sinalado pola lexislación electoral para sesión constitutiva dos Concellos, os Concelleiros cesantes, tanto do Pleno como, no seu caso, da Comisión de Goberno, reuniranse en sesión convocada ao só efecto de aprobar a acta da última sesión celebrada”. En aplicación deste mesmo precepto, tamén se reuniu a Xunta de Goberno Local.

A Corporación resultante das eleccións municipais celebradas o 28 de maio de 2023 tomará posesión o sábado 17 de xuño ás 13:15 horas. Mántense a representación actual, posto que o PSdeG-PSOE acadou 5 concelleiros/as e o Partido Popular 4.

O pleno constitutivo estará presidido por unha mesa de idade, conformada polas concelleiras Nélida Coira Pena e Sandra De Bernardo Eimil, ata a elección de alcalde.

A normativa dispón que a sesión extraordinaria do pleno na que se aprobe a organización da nova Corporación municipal se celebre dentro dos trinta días seguintes ao da sesión constitutiva.

 

Campamento de verán “Xermade Concilia 2023”

• Datas: do 24 de xullo ó 11 de agosto (agás festivos)

• Lugar: Carballeira e nave do Concello (Momán), pernocta no Pavillón municipal (Xermade)

• Dirixido a nenas e nenos de 3 a 16 anos

• Horario: 9.00 a 14:00 horas

• Actividades: Xogos, parque acuático, música, pernocta, praia…

• Inscricións: No concello, do 6 ó 13 de xullo

• Documentación:

– Solicitude cuberta (Anexo I)
– Declaración xurada (Anexo II)
– Fotocopias:

1) Libro de familia e/ou título de familia numerosa
2) DNI do/a neno/a, dos pais/nais ou titores, e das persoas autorizadas para a entrega e recollida
3) Tarxeta sanitaria do/a nena/a
4) Acreditación da situación laboral dos pais/nais (activo ou desemprego)

+ Información: Educadora familiar 678 744 178

Financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade.

Anexo I
Anexo II
Bases Campamento verán 2023

Sesión ordinaria do Pleno o xoves 8 de xuño

Consonte á periodicidade establecida neste mandato que está a piques de rematar, o Pleno de Xermade reúnese en sesión ordinaria o xoves 8 de xuño de 2023. Na parte resolutiva o único asunto é a resolución do expediente de deslinde dun camiño público no lugar das Casas Novas, que foi iniciado no pleno do mes de abril.
Na parte de fiscalización e control dáse conta dos informes de control financeiro en materia de subvencións e ingresos, emitidos pola Intervención municipal en aplicación do Plan Anual de Control Financeiro do exercicio 2022, así como o informe-resumo das actuacións de control financeiro levadas a cabo neste exercicio. Tamén se dá conta ao Pleno do Plan Anual de Control Financeiro para o exercicio 2023, elaborado pola Intervención municipal.
Cúmprese tamén coa obriga de informar ao Pleno dos envíos ao Ministerio a través da Oficina Virtual de Coordinación Financeira coas entidades locais, no que respecta á execución do 1º trimestre de 2023 e Período Medio de Pago do 1º trimestre de 2023 (o PMP foi de 21,82 días dende a entrada da factura no rexistro), así como o esforzo fiscal do exercicio 2021.
Esta sesión será a penúltima deste mandato, posto que o 14 de xuño o Pleno reunirase de novo en sesión extraordinaria para aprobar as actas pendentes.

X PREMIO DE INVESTIGACIÓN “XERMADE NA HISTORIA”

O Concello de Xermade e a Asociación de Veciños de Cabreiros, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, convocan o X Premio de Investigación “Xermade na historia”, financiado pola Exma. Deputación de Lugo, que será regulado polas seguintes

BASES

1. As persoas interesadas poderán participar tanto a nivel individual como colectivo.
2. Cada autor/a poderá concursar con cantos traballos desexe.
3. Os temas sobre os que poderán versar os traballos deberán estar relacionados co patrimonio etnográfico e cultural do Concello de Xermade (tradicións, festas, ritos, arte popular, lendas, memoria histórica, costumes, literatura oral, arquitectura, etc).
4. Haberá dous premios:
– 1º Premio, dotado con 2.000 euros.
– 2º Premio, dotado con 1.000 euros.
5. Os traballos deberán ser entregados no rexistro do Concello de Xermade baixo pseudónimo, ou a través de correo postal (nunca telemáticamente). En sobre pechado serán incluídos os datos da persoa participante: Nome, enderezo, teléfono…
6. Coa presentación dos orixinais deberá ser incluída, tamén, a seguinte documentación:
– Curriculum Vitae ou, se é do caso, información detallada das características da asociación, colectivo, grupo…
– Modelo de presentación debidamente cumprimentado. O modelo poderá descargarse da páxina web do concello: www.xermade.org
7. Deberase entregar o orixinal en papel DIN A4 e copia en CD ou en memoria USB, tanto en formato PDF como en formato editable, fonte Times New Roman, tamaño 12, e entreliñado 1,5.
8. A extensión dos traballos será dun mínimo de 50 folios e un máximo de 400. As páxinas ocupadas polas notas, bibliografía, mapas, fotografías, etc, tamén se contabilizarán.
9. Os traballos deberán ser realizados e presentados e en lingua galega. A data límite de presentación dos traballos será o día 23 de febreiro de 2024.
10. O xurado estará presidido polo Sr. Alcalde do Concello de Xermade, e catro vogais: Presidente da Asociación de Veciños de Cabreiros e tres especialistas en materias relacionadas co patrimonio etnográfico e cultural. Actuará como secretario/a un/ha funcionario/a do concello de Xermade. A composición do xurado determinarase por resolución de alcaldía que se fará pública antes do 22 de marzo de 2024.
11. Unha vez que o xurado falle os premios, que poderán ser declarados desertos, daranse a coñecer a través dos medios de comunicación.
12. As persoas premiadas deberán comunicar por escrito ao Concello de Xermade a aceptación do Premio no prazo de oito (8) días naturais a partir da data da comunicación da concesión do mesmo.
13. As obras premiadas poderán ser editadas polo Concello dentro do prazo de cinco (5) anos; transcorrido o mesmo, os seus autores/as disporán delas libremente, pero no momento, se é do caso, da súa publicación, deberán consignar a distinción concedida.
14. A Asociación de Veciños de Cabreiros e o Concello de Xermade poderán solicitar do autor/a calquera aclaración que estimen conveniente en relación co traballo. Así mesmo, poderán deixar sen efecto o Premio se o beneficiario incumpre as obrigacións sinaladas nas presentes Bases.
15. As cuestión non previstas nestas bases serán resoltas polo xurado de acordo co seu libre criterio.
16. A participación no Premio implica a total aceptación das presentes Bases.

Modelo de presentación X Premio

Licitación do proxecto de reparación de estradas en Roupar, A Touza, Penavaqueira e Lousada

O Concello de Xermade e a Deputación de Lugo asinaron un convenio interadministrativo de colaboración para a reparación de estradas nos lugares de Roupar, A Touza, Penavaqueira e Lousada, o pasado 28 de marzo de 2023.
A Deputación financia esta obra cunha achega de 100.000 euros, e o Concello achega os 19.823,92 euros restantes. O proxecto xa conta coas autorizacións sectoriais necesarias para a súa aprobación e foi aprobado pola Alcaldía o pasado 26 de maio de 2023.
A mellora de viais municipais con aglomerado iniciouse no 2022 cun tramo en Rebuxentos, financiado tamén grazas a un convenio coa Deputación de Lugo, e continuou na Criba, Cabreiros, Candamil e O Aruxo, cun proxecto financiado con fondos propios (remamente líquido de tesouraría).
As empresas interesadas teñen ata o 12 de xuño para presentaren ofertas, a través da Plataforma de Contratación do Sector Público.
Ligazón ao proxecto: 20230524_Outros_PROYECTO AGLOMERADOS 2023 signed