Cursos en Febreiro

No mes de febreiro, o concello organiza catro obradoiros para todas as persoas que queiran participar:

Obradoiros de manexo de móbiles (Smartphone)

Serán os sábados 12 e 19 de febreiro.
Traballaremos con oso propio dispositivo, aprenderemos a utilizar desde as funcións máis básicas ata as características máis avanzadas. Tamén serán resoltas as dúbidas que teñamos sobre o mesmo.
-Obradoiro 1: En Cazás (Escola do Calvario), de 12.00 a 14.00
-Obradoiro 2: En , de 16.00 a 18.00

Obradoiros de Iniciación á cerámica

Serán os domingos 13 e 20 de febreiro
O fin do obradoiro é a realización de pezas de barro que poderemos levar á nosa casa. A primeira xornada realizaremos as pezas de barro e a segunda, a decoración.
-Obradoiro 3: En Cabreiros (Casa-escola), de 12.00 a 14.00
-Obradoiro 4: En Xermade (Nave municipal), de 16.00 a 18.00

A inscrición será presencial no Concello cubrindo unha ficha. O importe por cada obradoiro será de 15 €, a aboar na conta do concello que se indica na folla de inscrición. Os aforos limitados, polo que terán preferencia de praza as persoas empadroadas en Xermade.

VIII PREMIO DE INVESTIGACIÓN “XERMADE NA HISTORIA”

O Concello de Xermade e a Asociación de Veciños de Cabreiros, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, convocan o VIII Premio de Investigación “Xermade na historia”, financiado pola Exma. Deputación de Lugo que será regulado polas seguintes

BASES

  1. As persoas interesadas poderán participar tanto a nivel individual como colectivo.

  2. Cada autor/a poderá concursar con cantos traballos desexe.

  3. Os temas sobre os que poderán versar os traballos deberán estar relacionados co patrimonio etnográfico e cultural do Concello de Xermade (tradicións, festas, ritos, arte popular, lendas, memoria histórica, costumes, literatura oral, arquitectura, etc).

  4. Haberá dous premios:

– 1º Premio, dotado con 2.000 euros.

– 2º Premio, dotado con 1.000 euros.

  1. Os traballos deberán ser entregados no rexistro do Concello de Xermade baixo pseudónimo, ou a través de correo postal (nunca telemáticamente). En sobre pechado serán incluídos os datos pa persoa participante: Nome, enderezo, teléfono…

  2. Coa presentación dos orixinais deberá ser incluída, tamén, a seguinte documentación:

  • Curriculum Vitae ou, se é do caso, información detallada das características da asociación, colectivo, grupo…

  • Modelo de presentación debidamente cumprimentado. O modelo poderá descargarse da páxina web do concello: www.xermade.org

  1. Deberase entregar o orixinal en papel DIN A4 e copia en CD, en PDF e en formato editable, fonte Times New Roman, tamaño 12, e entreliñado 1,5.

  2. A extensión dos traballos será dun mínimo de 50 folios e un máximo de 400. As páxinas ocupadas polas notas, bibliografía, mapas, fotografías, etc, tamén se contabilizarán.

  3. Os traballos deberán ser realizados e presentados e en lingua galega. A data límite de presentación dos traballos será o día 29 de abril de 2022.

  4. O xurado estará presidido polo Sr. Alcalde do Concello de Xermade, e catro vogais: Presidente da Asociación de Veciños de Cabreiros e tres especialistas en materias relacionadas co patrimonio etnográfico e cultural. Actuará como secretario/a un/ha funcionario/a do concello de Xermade. A composición do xurado determinarase por resolución de alcaldía que se fará pública antes do 24 de maio de 2022.

  5. Unha vez que o xurado falle os premios, que poderán ser declarados desertos, daranse a coñecer a través dos medios de comunicación.

  6. As persoas premiadas deberán comunicar por escrito ao Concello de Xermade a aceptación do Premio no prazo de oito (8) días naturais a partir da data da comunicación da concesión do mesmo.

  7. As obras premiadas poderán ser editadas polo Concello dentro do prazo de cinco (5) anos; transcorrido o mesmo, os seus autores/as disporán delas libremente, pero no momento, se é do caso, da súa publicación, deberán consignar a distinción concedida.

  8. A Asociación de Veciños de Cabreiros e o Concello de Xermade poderán solicitar do autor/a calquera aclaración que estimen conveniente en relación co traballo. Así mesmo, poderán deixar sen efecto o Premio se o beneficiario incumpre as obrigacións sinaladas nas presentes Bases.

  9. As cuestión non previstas nestas bases serán resoltas polo xurado de acordo co seu libre criterio.

  10. A participación no Premio implica a total aceptación das presentes Bases.

 

 

 

Modelo de presentación VIII Premio

Reparación dunha estrada en Rebuxentos-Piñeiro, financiada pola Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, asinaron un convenio de colaboración polo cal a institución provincial achegará 90.000 euros para a reparación dunha estrada na parroquia de Rebuxentos. Trátase duns traballos importantes para mellorar as comunicacións no municipio e que contarán cun investimento total que supera 115.200€.

As obras previstas consistirán na mellora da capa de rodadura, corrixindo tamén as deficiencias estruturais que presenta a vía. Os traballos inclúen ademais a limpeza de marxes e cunetas e a súa sinalización. O prazo de execución destas actuacións é de dous meses.

Situada na parroquia de Piñeiro, a estrada de Rebuxentos é á vía que conecta a LU-P2204 de Momán ás Pontes coa LU-P-2208 de Mazandoi a Porto Souto e que da servizo a varios núcleos rurais. Trátase dunha actuación importante porque a veciñanza utiliza este camiño para acceder a estas estradas provinciais que vertebran o municipio.

Reis Magos en Xermade

O Pleno de Xermade celebrou sesión ordinaria o pasado 16 de decembro de 2021

A sesión ordinaria do mes de decembro celebrouse o xoves 16, ás 20.00 horas. Aprobáronse as actas das sesións celebradas o 21 de outubro e o 18 de novembro, e douse conta de diversos asuntos, entre eles as subvencións xustificadas no último trimestre do ano ou a execución trimestral e o Período Medio de Pago do terceiro trimestre, que é 16,12 días.

Na parte de mocións, o grupo municipal do Partido Popular presentou unha moción contra a orde ministerial de inclusión do lobo na listaxe de especies en réxime de protección especial e outra en apoio do sector lácteo.

Douse conta tamén do anuncio de aprobación definitiva do orzamento do exercicio 2022, no BOP nº 260 o 20 de novembro de 2021.

Acceda aquí ao documento INFORMES DA ALCALDÍA: INFORMES DA ALCALDÍA

O Concello de Xermade adquire a reitoral de Santa María

O Concello de Xermade chegou a un acordo a mediados do ano 2021 co Bispado de Mondoñedo-Ferrol para a adquisición das casas reitorais de Santa María de Xermade e San Pedro Fiz de Roupar, no prezo de 100.000 euros.

A superficie da casa reitoral de Santa María de Xermade é de 307 m2, segundo a información catastral. Está ubicada nunha parcela que ten 7.575 m2 en en solo de núcleo rural e 2.686 m2 en solo rústico. O inmoble foi rehabilitado exteriormente grazas a un obradoiro de emprego.

A adquisición formalizouse en escritura pública na Notaría de Vilalba o pasado 29 de novembro. Aínda que a previsión era que fose financiada con fondos propios, a través do remanente líquido de tesouraría, finalmente financiouse con cargo a un convenio interadministrativo que xa fora subscrito o 30/12/2020 coa Deputación de Lugo para a adquisición dun camión contra incendios, que se modificou a petición do concello para ampliar o seu obxecto, aproveitando así os fondos provinciais, que ascendían a 60.000 euros.

O camión contraincendios usado adquiriuse directamente ao Concello de San Tirso de Abres, no prezo de 11.000 euros, dos cales a Deputación achegou 10.000 euros e o resto o Concello de Xermade.

A adquisición da reitoral de San Pedro Fiz de Roupar precisa segregar parte da parcela, na que se ubica a igrexa, e o Concello de Xermade agarda poder formalizalo antes do remate deste ano 2021.

Nadal 2021 en Xermade

O Concello de Xermade convida a toda a veciñanza a participar no “”, co fin de dinamizar a participación activa da cidadanía, fomentando a súa creatividade, e incentivando a ilusión das máis pequenas e pequenos.

Aquelas persoas que queiran participar deben seguir as bases que rexen o concurso.

Haberá 5 categorías:

Categorías nas que poden participar as VIVENDAS:

  • Árbore de Nadal
  • Nacemento/Belén
  • Decoración xeral interior
  • Decoración exterior

Categoría exclusiva para os NEGOCIOS:

  • Decoración xeral

Na participación por vivenda,a inscrición debe facerse a nome dunha persoa empadroada en dita vivenda do concello.
Unha mesma vivenda pode escoller participar nas catro categorías como máximo e un mínimo de unha.

Na participación por negocio, a inscrición será a nome da persoa titular do mesmo.

Premios: Unha cesta valorada en 130 € por categoría

Inscricións: Para facela efectiva, será necesario enviar por email (educadora.familiar@xermade.org) ou whatsapp (678 744 178):

-Vivendas: nome, número de DNI e dirección postal da persoa representante (empadroada no concello) con 3 fotografías* por cada categoría á que se presenten.
-Negocios: o nome do negocio, nome da persoa propietaria do mesmo, número de DNI, dirección postal do negocio e 3 fotografías* da decoración de Nadal que consideren.

 

(* As fotografías enviadas poderán ser expostas na web e redes sociais do Concello de Xermade.)

 

Tamén, o luns 27 de decembro haberá unha excursión a Xuvenlugo.

A saída do bus será ás 15.30 desde a Praza do Concello. É necesaria inscrición previa no concello ou no 678 744 178

As prazas serán limitadas, tendo prioridade as persoas empadroadas en Xermade. Os menores deben ir acompañados.

 

Bases concurso

 

A Escada dos Contros · Teatro na Biblioteca

O grupo ALENTÍA TEATRO representará o venres 17 de decembro a obra  “A ESCADA DOS CONTOS”, representación con entrada gratuita dirixida a público infantil e familiar.

18:00 Horas (INSCRICIÓN PREVIA)
Biblioteca Municipal de Xermade

Obradoiros de cerámica

En decembro levaremos a cabo dous obradoiros de cerámica, un na parroquia de Roupar, no local da asociación de veciños, e outro en Momán, na casa escola.

 

Os obradoiros serán impartidos por María Sánchez Castedo, de Ceniza de papel.

 

O primeiro día elaboraremos unha peza de barro no torno, quedará a secar durante unha semana, e o seguinte sábado procederemos coa decoración da mesma. Tras o seu paso polo forno da artesana, poderedes levala á casa.

 

Inscricións presenciais no concello.

 

Máis información no 678 744 178

 

Exposición ’50 anos do Belén de Begonte’, na Biblioteca de Xermade

Do 24 de novembro ao 2 de decembro

Horario: De 15:00 a 21:00

A exposición está composta por trece paneis que reflicten as datas e os datos máis destacados da historia do Belén.

A apertura desta exposición, que vai a visitar 33 cidades e pobos de Galicia, pon de manifesto a intención dos responsables do Belén de que, mantendo o seu carácter virtual que o pasado ano esixiu a situación sanitaria, este ano volva estar aberto ao público desde o primeiro sábado de decembro ata o último sábado de xaneiro, e tentar superar as 40.000 visitas que se viñeron rexistrando nos anos anteriores á aparición da pandemia.