A Deputación de Lugo financiará a reposición de beirarrúas en Xermade

A Xunta de Goberno Local da Deputación de Lugo vén de aprobar un convenio de colaboración co Concello de Xermade para a reposición de beirarrúas e execución de senda peonil no núcleo de Xermade, por importe de 126.864,99 euros, dos cales 123.640,85 euros serán achegados pola institución provincial.
A finais de decembro a Alcaldía solicitou esta axuda, coa remisión dun proxecto técnico asinado polo enxeñeiro de camiños, canles e portos Miguel Ángel Fernández Rivera. O estado das beirarrúas da capital do municipio precisa unha renovación que pasa pola demolición das existentes (de baldosa hidráulica) e a execución dunhas novas, con lousa de formigón de 15 cm de cor, seguindo o modelo empregado no Campo da Feira-Momán.
Asemade, executarase unha senda peonil na entrada do núcleo, no tramo no que se atopa o lavadoiro público e dúas vivendas, a fin de mellorar a seguridade vial dos peóns.
Coa solicitude das axudas presentouse tamén solicitude de cesión das estradas de titularidade provincial no núcleo de Xermade en favor do concello.
O convenio asinouse o pasado 30 de decembro de 2022 e as obras deben executarse antes do 31 de outubro de 2023.

Excursión a Lalín

Falar de Lalín é falar de natureza, de miradoiros dende os que descubrir que o verde, o ocre, o amarelo ou o púrpura teñen centos de matices. Carballeiras, soutos e fragas de conto engalanan este municipio.

É terra de artistas e de amantes da arte, e iso nótase nas rúas. Unha boa forma de percorrer a vila é descubrindo as súas esculturas. Algunhas téñense convertido en símbolos do concello, coma a adicada ó aviador Loriga, ou a estatua do porco.

No Pazo de Liñares, o museo do Xoguete e a Marioneta coñeceremos a súa evolución a través de pezas de distintas épocas, no caso dos xoguetes, e no caso das marionetas, a súa influencia nas culturas de todo o mundo a través de pezas que nos farán viaxar polos distintos continentes. No museo etnográfico Casa do Patrón entenderemos como era a vida no rural a través dos seus obxectos de uso cotián, descubrir o aspecto dunha escola de principios do século pasado, ou ver como eran os cuartos das casas dos nosos devanceiros.

¿Imos?

Inscricións ata o 25 de xaneiro no 678 744 178

CURSO DE AUTO DEFENSA PARA MULLERES ANTE SITUACIÓNS VIOLENTAS

Profesionais de Fegaloita cualificados e con experiencia en técnicas de intervención en violencia de xénero, pertencentes ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, encárganse de formar ás mulleres participantes nestes cursos de defensa persoal fronte situacións de violencia de xénero.

📍 Biblioteca Municipal de Xermade
🗓️ Sábado 28 de xaneiro
⌚ De 10:00 a 14.00 e de 16.00 a 20:00 horas
📝 Inscricións: No whatsap 678 744 178

Fallo do III Concurso de decoración de Nadal

En Xermade, a 27 de decembro de 2022, tras escoitar todas as partes do xurado do concurso, conformado por:

• Presidente: Don Roberto García Pernas, alcalde presidente do Concello de Xermade.
• Vogais:

1º Dona Tamara Rodríguez López, Deseñadora e xerente de Mobelrías (Vilalba).
2º Dona Miriam Alonso Domínguez, Auxiliar de Biblioteca do Concello de Xermade.
3º Dona Nuria Lagüela Felpeto, Traballadora social do Concello de Xermade.

Concluíuse que:

-En cada unha das categorías do concurso houbo o seguinte número de participantes:

1) Vivendas Árbore de Nadal: 6
2) Vivendas Nacemento/Belén: 6
3) Vivendas Decoración xeral interior: 7
4) Vivendas Decoración exterior: 12
A) Negocios Decoración xeral: 2

-Tendo en conta os criterios de valoración descritos nas bases do concurso, realizadas as valoracións pertinentes, a decisión de conceder os premios será:

1) Vivendas Árbore de Nadal: Xenxo Romero Díaz (Momán)

2) Vivendas Nacemento/Belén: Pilar Gesto Carballo (Xermade)

3) Vivendas Decoración xeral interior: Aroa Blanco Prieto (Cabreiros)

4) Vivendas Decoración exterior: Esther Roca Barro (Roupar)

A) Negocios Decoración xeral: Ramón Vázquez Rial de Seawind Global Energy S.L. (Roupar)

A entrega de premios será o mércores 28 de decembro ás 13.30 no Salón de Plenos do Concello de Xermade.

¡Parabéns!

Acta Xurado III Concurso Decoración de Nadal

Nadal 2022 en Xermade

Pleno ordinario celebrado o 15 de decembro de 2022

O Pleno corporativo reuniuse en sesión ordinaria o xoves 15 de decembro de 2022, ás 20.00 horas. Aprobouse unha bonificación do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras do 95% a solicitude dunha empresa que ampliou a súa actividade coa construción dunha nave industrial para almacenamento de estruturas de madeira no polígono de Xermade, elixiuse xuíza de paz titular para os vindeiros catro anos e aceptouse a cesión de tramos antigos das estradas autonómicas:
• Estrada de titularidade autonómica que comunica a AC-170 e AC-861 na que se realizou senda peonil
• Sobrante ao carón da AC-170 próximo ao Campo de fútbol de Cabreiros
• Sobrante nas proximidades en O Empalme no nó da AG-64, a LU-861, LU-540 e LU-170
Estes espazos foron solicitados con motivo dun proxecto de actuacións para mellora da área recreativa da Acea, no río Trimaz, e construción de área de autocaravanas a carón do campo de fútbol de Cabreiros, que non resultou beneficiario das axudas de Reserva da Biosfera para os anos 2022 e 2023.
Na parte de control e fiscalización, o Partido Popular presentou unha moción para esixir a mellora da cobertura de liñas telefónicas e transmisión de datos 4G no termo municipal, que se aprobou por unanimidade. Porén, a Alcaldía xa se dirixira ás principais compañías de telecomunicacións que operan en Xermade en data 1 de decembro para esixir unha mellora das telecomunicación no concello.
Dende a Corporación municipal despediuse a sesión desexando unhas felices festas á toda a veciñanza.

Licitación do Servizo de Atención Temperá

A Xunta de Goberno Local, na sesión extraordinaria celebrada o pasado mércores 30 de novembro de 2022, aprobou por segunda vez a licitación do Servizo de Atención Temperá, compartido cos concellos de Guitiriz e Vilalba. A anterior licitación declarouse deserta ao non dispoñer ningún licitador dos medios persoais mínimos requiridos para a execución do contrato.
Consonte a Orde que regula a convocatoria das axudas de atención temperá por parte da administración autonómica, nesta nova licitación os medios mínimos requiren dun equipo de tres profesionais. Outra novidade é que agora o servizo licítase de xaneiro ao 31 de outubro de 2022, con posibilidade de prórroga ata o 31 de outubro de 2023.
O prazo de presentación de ofertas finaliza o 15 de decembro, e a mesa de contratación reunirase para a apertura do sobre A o venres 16 de decembro. O Concello de Xermade prevé ter adxudicado o servizo na segunda quincena do mes de xaneiro.
Toda a información da licitación atópase na Plataforma de Contratos do Sector Público.

III Concurso de decoracion de Nadal

O Concello de Xermade convida a toda a veciñanza a participar nun concurso de decoración de Nadal, co fin de dinamizar a participación activa da cidadanía, fomentando a súa creatividade, e incentivando a ilusión das máis pequenas e pequenos.
Aquelas persoas que queiran participar deben seguir as presentes bases do concurso:

As categorías do concurso serán:
1) Vivendas: Árbore de Nadal
2) Vivendas: Nacemento/Belén
3) Vivendas: Decoración xeral interior
4) Vivendas: Decoración exterior
a) Negocios: Decoración xeral

Na participación por vivendas, a inscrición debe facerse a nome dunha persoa empadroada en dita vivenda do concello. Unha mesma vivenda pode escoller participar nas categorías 1), 2), 3), e/ou 4), máximo a catro categorías, mínimo de unha.
Na participación por negocio, a inscrición será a nome da persoa titular do mesmo. A súa participación será exclusivamente na categoría a).

O tema do concurso será a festividade do Nadal, os motivos tradiciónais da mesma, tendo as persoas participantes plena liberdade no referente a técnicas e estilos.

Dentro dos criterios xenéricos terase en conta a creatividade, orixinalidade e vistosidade.Tamén se valorará o uso de materiais naturais e reciclados, así como a introdución na decoración de elementos representativos do Concello de Xermade.

A data de inscrición estará aberta desde a publicación destas bases ata o 21 de decembro ás 14.30.
Para facela efectiva, será necesario enviar por email (educadora.familiar@xermade.org) ou whatsapp (678 744 178):
-Categorías 1), 2), 3), e 4): nome, número de DNI e dirección postal da persoa representante (empadroada no concello) con 3 fotografías* por cada categoría á que se presenten.
-Categoría a): o nome do negocio, nome da persoa propietaria do mesmo, número de DNI, dirección postal do negocio e 3 fotografías* da decoración de Nadal que consideren.

(*As fotografías enviadas poderán ser expostas na web e redes sociais do Concello de Xermade.)

O premio por cada categoría será unha cesta valorada en 130 €, conformada por productos de alimentación e un vale para carburante.

Bases III Concurso de decoración de Nadal 2022

25 N 2022

24/11/2022 PARTIDO CONTRA AS VIOLENCIAS
16.30 horas: Pavillón Municipal de Xermade
Fútbol sala das Escolas Deportivas

25/11/2022 LECTURA DE MANIFESTO E MINUTO DE SILENCIO
10.00 horas: Diante do Concello

25/11/2022 PROXECCIÓN DA PELÍCULA “VOLAR”
17.00 horas: Casa Habanera de Roupar

26/11/2022 ANDAINA “XERMADE CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO”
11.00 horas: Saída da Praza do Concello
Inscricións para a andaina: No concello ou no 982 50 10 02

Sesión extraordinaria do Pleno xermadino

O pasado xoves 10 de novembro reuniuse a Corporación xermadina en sesión extraordinaria, co gallo de aprobar a modificación número 1 da Relación de Postos de Traballo e o orzamento do exercicio 2023.
A modificación da Relación de Postos de Traball foi un compromiso adquirido co persoal durante a negociación da RPT en vigor, a finais do 2020. Desde xeito, créanse tres novos postos de administrativo (dous de administración xeral e un de administración especial para a biblioteca), e mellóranse as retribucións do persoal que se encarga dos servizos básicos (auga, sumidoiro, etc.). Por último, increméntase a xornada do posto de técnico/a de urbanismo, ata o 60% (actualmente era do 48%).
O proxecto de orzamento de 2023 contempla este incremento retributivo no Capítulo 1, ademais de dar cobertura aos servizos básicos que se están prestando e os de nova creación. Entre os primeiros cabe destacar o Servizo de Axuda no Fogar, que na actualidade conta con 125 usuarios e un gasto de 744.886,40 euros destinado á adxudicataria do servizo, sen contar os medios persoais municipais (persoal dos servizos sociais). Entre os servizos de nova creación está a Atención Temperá, que comezou en xullo de 2021 mediante a agrupación cos concellos de Vilalba e Guitiriz e ten como destinatarios ás crianzas de 0 a 6 anos. O presuposto de licitación deste servizo é de 179.600,00 euros do 1 de novembro de 2022 ao 31 de outubro de 2023, dos cales se agarda obter de novo axudas por parte da Xunta de Galicia.
No capítulo 7 prevese a achega municipal (53.492,80 euros) para a construción da depuradora do Campo da Feira, en Momán, que executará a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Actualmente o Concello de Xermade está en proceso de adquisición das parcelas necesarias para ubicar a depuradora.
O orzamento ascende a un total de 1.952.656,95 euros, cun incremento de 58.088,18 euros respecto ao 2022.