Restauración da memoria lingüística da parroquia de San Mamede de Momán

O 23 de outubro do ano 2013, baixo o lema “En galego, agora e sempre”, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística xuntou en San Domingos de Bonaval, sede do Panteón de Galegos Ilustres, ás principais organizacións políticas e sindicais do país co gallo de asumir o compromiso de restaurar a nosa “memoria lingüística” nos actos fúnebres a través do que debería ser un dos seus trazos máis significativos: o idioma.

Esta declaración propoñía unha serie de medidas, en cuxa consecución teñen un papel fundamental as entidades locales, cales son:

a) Colocar unha placa na porta dos cemiterios coa lenda: “Na memoria de todos os que aquí xacen, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu.”

b) Substituír a campa ou lápida en castelán por outra en galego dunha persoa senlleira da parroquia, coa autorización dos seus familiares.

c) Organizar un acto musical-literario ao pé do camposanto con oradores e oradoras que desenvolvan o discurso da pedagoxía galeguizadora.

d) Organizar un acto público de sinatura da acta de vontades coa participación da veciñanza.

O martes 17 de decembro de 2024 na parroquia de San Mamede de Momán celebrouse o Día da Restauración da Memoria Lingüística cun acto multitudinario no que participaron as seguintes persoas e institucións: a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e a Irmandade Xurídica Galega, presididas por Xoaquín Monteagudo Romero; a UNED sénior da Coruña,  coa intervención do seu coordinador Luis Rodríguez Patiño, párroco de San Mamede de Momán, e Francisco Cupeiro, mestre da aula de música da UNED sénior, que puxo a parte musical ao acto; e a familia de Xesús Paz Paz, o panadeiro de Momán, persoa senlleira desta parroquia á que se lle rendeu unha merecida homenaxe.

Cristina Varela, membro da Irmandade Xurídica Galega e secretaria-interventora do Concello de Xermade, abriu o acto explicando o obxectivo do Día da Restauración da Memoria Lingüística e agradecendo á familia de Xesús Paz que accedera a participar neste acto, pois O Panadeiro foi un exemplo en vida, e grazas a esta decisión da súa familia, será tamén un exemplo para a súa parroquia cando se van facer 30 anos da súa morte”.

Na súa intervención, Xaquín Monteagudo leu un fragmento dun testamento datado en Santiago no ano 1450, cando o galego tiña presenza en todos os ámbitos da vida das persoas, e reclamou a recuperación de espazos coma o xurídico ou o económico.

En representación do Estado acudiu o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez López. Na súa intervención, o delegado do Goberno reivindicou o uso do galego como símbolo de identidade e afirmou que falar galego, promover o seu uso e normalizalo en todos os campos “non é só un acto cultural, senón tamén político”.

A concelleira de cultura xermadesa, Verónica Amarelo, manifestou que, a pesares de que na actividade normal do concello se emprega en exclusiva a lingua galega, “temos que recoñecer que no ámbito dos camposantos e en xeral no eido dos actos fúnebres, o natural (ou sexa, o uso da nosa lingua) tórnase excepcional, e isto ten que levarnos a facer unha reflexión como sociedade, pois lembrar aos noso defuntos nunha lingua que nunca falaron é unha anomalía que temos que evitar que siga perpetuándose”.

Roberto García lembrou á persoa homenaxeada, Xesús Paz “O Panadeiro”, como “unha persoa incansable no seu traballo pola parroquia de Momán, poñéndose a fronte de cantas iniciativas fosen necesarias para mellorar a vida dos seus veciños e veciñas: foi promotor de Feiroculmo, unha feira que se facía no Campo da Feira de Momán; creou a Sociedade Cultural e Recreativa “Novas Estrelas” a finais dos anos oitenta, arredor da música tradicional, xuntando xente e conseguindo facer parroquia”. Quixo estender a homenaxe aos difuntos de todas as parroquias xermadesas.

A familia de Xesús Paz agradeceu o acto en homenaxe ao seu familiar, lembrando a súa filla Lucía Paz que seu pai “toda a súa vida foi galegofalante e defensor da cultura galega”.

Ao remate do acto, a maior parte dos asistentes asinaron a acta de vontades, comprometéndose a que os actos fúnebres que teñan lugar na súa lembranza se realicen en lingua galega.

Declaración en galego agora e sempre 23-10-2013

PROGRAMA ACTO DE RESTAURACIÓN DA MEMORIA LINGÜÍSTICA DE GALICIA EN XERMADE

Acta individual Xermade (Lugo)

Participación do Concello de Xermade na xornada “O ecosistema galego de comunidades enerxéticas”

A Universidade de Vigo convidou ao Concello de Xermade a expoñer a súa experiencia na constitución dunha comunidade enerxética local, nunhas xornadas celebradas o pasado 21 de novembro de 2024.

A xornada estaba organizada polo Observatorio Eólico de Galicia, e contaba coa colaboración do Centro Interuniversitario de Investigación das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), a Universidade de Vigo e o proxecto EC4Rural, entidades todas elas “aliñadas para traballar no desenvolvemento da transición enerxética dende o ámbito comunitario e sobre todo no medio rural”.

Xunto cos concellos de Vilasantar, Muíños e Moeche, o Concello de Xermade, da man do asesor técnico Fernando Pereira e a secretaria-interventora municipal Cristina Varela, presentou a súa iniciativa XERando, unha comunidade enerxética tamén constituída e que conta co financiamento da FEGAMP a través do proxecto CEL RURAL para unha instalación fotovoltaica que estará executada antes de fin de ano.

http://observatorio.eolico.uvigo.es/2024/11/22/o-ecosistema-galego-de-comunidades-enerxeticas/

25 N con Branca Villares no CEIP Plurilingüe de Xermade

Por motivos alleos ao Concello de Xermade, presentamos un cambio nos obradoiros que desde o concello se levarán ó CEIP Plurilingüe De Xermade.

O obxectivo destes obradoiros é concienciar á rapazada do Concello sobre a igualdade e o respecto, xa que desde a primeira infancia debemos explorar e ensinar valores para previr a violencia de xénero.

Financiado con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.

BASES DO V CONCURSO DE DECORACIÓN DE NADAL

O Concello de Xermade convida a toda a veciñanza a participar nun concurso de decoración de Nadal, co fin de dinamizar a participación activa da cidadanía, fomentando a súa creatividade, e incentivando a ilusión das máis pequenas e pequenos.
Aquelas persoas que queiran participar deben seguir as presentes bases do concurso:

Primeira.- Categorías e participantes:
As categorías do concurso serán:
1) Vivendas: Árbore de Nadal
2) Vivendas: Nacemento/Belén
3) Vivendas: Decoración xeral interior
4) Vivendas: Decoración exterior
a) Establecementos comerciais e Locais e/ou exteriores de Asociacións veciñais: Decoración xeral

Na participación por vivendas, a inscrición debe facerse a nome dunha persoa empadroada en dita vivenda do concello. Unha mesma vivenda pode escoller participar nas categorías 1), 2), 3), e/ou 4), máximo a catro categorías, mínimo de unha.
Na participación por negocio, a inscrición será a nome da persoa titular do mesmo, e da asociación, dunha persoa da Xunta Directiva. A participación de negocios e asociacións será exclusivamente na categoría a).

Segunda. Temática
O tema do concurso será a festividade do Nadal, os motivos tradicionais da mesma, tendo as persoas participantes plena liberdade no referente a técnicas e estilos.

Terceira.- Criterios de valoración
Dentro dos criterios xenéricos terase en conta a creatividade, orixinalidade e o vistoso do conxunto. Tamén se valorará o uso de materiais naturais e reciclados, así como a introdución na decoración de elementos representativos do Concello de Xermade.
O xurado pode considerar deserta unha categoría se valora que as propostas non reúnen calidade suficiente para ser merecedoras do premio.

Cuarta.- Inscrición
A data de inscrición estará aberta desde a publicación destas bases ata o 19 de decembro ás 14.00 horas.
Para facela efectiva, será necesario enviar por e-mail (educadora.familiar@xermade.org) ou por Whatsapp (678 744 178):
• Categorías 1), 2), 3), e 4): nome, número de DNI e dirección postal da persoa representante (empadroada no concello) con 4 fotografías* por cada categoría á que se presenten.
• Categoría a): o nome do establecemento ou asociación, nome da persoa propietaria do mesmo ou da persoa da xunta directiva, número de DNI, dirección postal do negocio ou do local da asociación e 4 fotografías* da decoración de Nadal escollida para participar.

As persoas que o estimen oportuno, poderán enviar tamén un texto cun breve resumo (máximo 60 palabras) de cousas que considere importantes e non se aprecien ben nas fotos sobre o proceso de elaboración ou elementos da decoración.

(*As fotografías enviadas poderán ser expostas na web e redes sociais do Concello de Xermade. Non se aceptan colaxes.)

Quinta.- Xurado
O xurado estará formado polas seguintes persoas:
Presidente: Don Roberto García Pernas, alcalde presidente do Concello de Xermade.
Vogais:
1º Dona Tamara Rodríguez López, deseñadora e xerente de Mobelrías (Vilalba).
2º Don Ernesto Ares Yáñez, Técnico de Emprego do Concello de Xermade.
3º Dona Tamara Filgueiras Castrillón, Traballadora social do Concello de Xermade.
Secretaria: Dona Lucía Guizán Trastoy, educadora familiar do Concello de Xermade.
O fallo do xurado e a entrega de premios levarase a cabo nos dez últimos días de decembro.

Sexta.- Premios
O premio por cada categoría será unha cesta valorada en 130 €, conformada por produtos de alimentación e un vale para carburante.
En caso de quedar deserta algunha das categorías, poderase trasladar un segundo premio a calquera das demais.
En caso de empate nas votacións, desempatará o voto dobre da persoa especialista da materia, neste caso, a primeira vogal.
Un mesmo domicilio non pode ser premiado en dúas categorías. De darse esta situación, o premio pasará á seguinte vivenda máis votada da categoría na que resulte premiada por segunda vez, seguindo a orde numérica das mesmas.
Da decisión do xurado realizarase unha acta na que se incluirán o número de traballos presentados, así como as persoas premiadas por cada unha das cinco categorías (catro de vivendas e unha de negocios/asociacións).
Existe crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria 338 48 do vixente orzamento de gastos por importe de 650,00 euros para facer fronte ao presente gasto.

Sétima.-Datos de carácter persoal
Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable polo Concello de Xermade, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento.

Oitava.- Aceptación
A participación no concurso supón a aceptación destas bases, sobre as que, diante de calquera dúbida, prevalecerá a resolución que adopte o xurado, por maioría simple dos seus membros.
O incumprimento das bases suporá a descualificación no concurso. En contra das decisións do xurado non caberá ningún tipo de recurso.

25 N: Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

O Concello de Xermade conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres con varios actos, aos que convidamos a participar a toda a veciñanza.

O obxectivo da celebración é concienciar e educar sobre a igualdade, o respecto e a prevención da violencia de xénero, así como dar visibilización a este problema que nos afecta como sociedade, manifestando a implicación e a loita contra o mesmo.

Teatro “E.L.: EXPECTATIVA LONXANA” de Nova Escena Teatro

O Circuito de teatro afeccionado da Deputación de Lugo trae unha obra de teatro a Roupar (Xermade).

Catro mulleres atópanse de casualidade no mesmo banco nun parque. Cada unha delas quedou alí co que espera sexa o seu novo e definitivo amor. Na espera, o que en principio semella un encontro irreconciliábel, acaba abrindo catro universos íntimos que teñen moito máis en común do que se podería agardar.

As persoas asistentes gozarán con esta actuación que está enmarcada no Circuíto Teatro Afeccionado da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.

Público: a partir de 14 anos

Duración: 60 minutos

CURSOS AFAMMER

A Asociación de familias e mulleres do mundo rural trae a Xermade cursos orientados para mulleres e homes con menores a cargo desde os 3 a 14 anos. Os cursos son financiados polo Ministerio de Igualdade, e acreditados con diploma oficial por Grupo Forma-t.

Os cursos ofertados serían os seguintes:

1. Acoso escolar e ciberacoso

No curso de acoso escolar e ciberacoso, falamos de que se entende por acoso
escolar, cales son os tipos de acoso e as persoas protagonistas do mesmo, e as
consecuencias que o acoso pode ter en cada un e cada unha das partes. Trátase
tamen o papel que como pais e nais debemos tomar no caso de que os nosos
fillos ou fillas se vexan involucrados nun caso de acoso escolar, ben sexa como
acosados, vítimas ou mesmo espectadores. No caso de ciberacoso, trátanse os
riscos engadidos que se derivan das redes e apps cando se presenta un caso de
acoso, así como a maneira de prevenilo, ofrecendo recursos educativos para
traballar en familia. Este curso busca sensibilizar a pais e nais sobre un tema que
socialmente está a ser un dos grandes problemas no ámbito educativo.

2. Técnicas de estudo

No curso de técnicas de estudio, falaremos dos tipos de intelixencia e dos
problemas existentes a hora de estudar , facendo fincapé na reestructuración
cognitiva para o estudo. Tratararemos de forma práctica como crear hábitos, e as
técnicas de estudo e memorizacion que adoitan ser mais eficaces. Dentro deste
curso, merece unha especial atención os nenos e nenas con dificultades de
aprendizaxe, como pode ser a dislexia, déficit de atención e hiperactividade ou
altas capacidades entre outras, facendo fincapé en cales son as técnicas de
estudo mais efectivas. Trátase dun curso dinámico e participativo.

3. Primeiros auxilios pediátricos

Contidos:
-Atragantamento. Asfixia. Obstrución das vías aéreas
-Parada cardiorrespiratoria. Reanimación cardiopulmonar
– Febre: como combatela?
– Erupción cutánea, erupción cutánea e petequias
-Vómitos
-Diarrea
– Falta de aire, tose de can e estridor
– Convulsións
-Desmaio, lipotimia
– Reacción alérxica
– Mordedura e arañazo de can e gato
– Picadas:
De abella e avespa
De medusas e carrachas
– Dor
– Como actuar ante un accidente infantil
– Intoxicación e envenenamento
– Queimaduras
– Traumatismo craneal
– Golpes e traumas:
Nas extremidades
Na boca e nos dentes
No peito
No abdome
– Feridas (cortes, raspaduras, rozaduras)
– Sangrado nasal (epistaxis) Como actuar?
– Afogamento
– Contactos de interese

Samaín 2024

O Concello de Xermade celebra o Samaín cunha festa infantil no pavillón municipal.