Fallo VI Premio Xermade na Historia
Tras a reunión levada a cabo de xeito telemático o sábado 28 de marzo, ás 12:00 horas, formando parte do xurado o alcalde do Concello de Xermade, D. Roberto García Pernas, Don José Manuel Felpeto Carballeira, presidente da Asociación veciñal de Cabreiros, e tres técnicos especialistas: Dona María Luisa Barreiro Mejuto, Dona Ana Cabana Iglesia e Don Antonio Reigosa Carreiras, o traballo “A ABOREADA DAS MÁZCARAS. Estudo histórico e antropolóxico dos Entroidos tradicionais de Xermade”, presentado baixo o pseudónimo LUPUS, con data de entrada no rexistro do concello de Xermade de 10 de febreiro de 2020, número 183; cumprindo cos requisitos recollidos nas Bases aprobadas por Decreto 0431/2019 do vintenove de xuño de dousmil dezanove, foi o seleccionado para obter o PRIMEIRO PREMIO do certame.
O seu autor, Rafael Quintía Pereira (Vigo, 1971) é licenciado en Antropoloxía Social e Cultural e en Ciencias Económicas e Empresariais. Escritor, documentalista e músico tradicional, traballa como antropólogo profesional. É membro fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e está vencellado ao asociacionismo e á dinámización sociocultural. En 2015, obtivo o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais co seu traballo Análise estrutural e simbólica do mito da moura galega. Tamén foi gañador do Premio de Investigación Luís Cuadrado en 2010 co seu traballo A Nosa Señora da Lanzada. Estudio antropológico de un santuario marítimo.