O Pleno da Corporación xermadesa celebrou a primeira sesión ordinaria do ano 2024 o martes día 23. En primeiro lugar, realizouse o sorteo de membros de mesas electorais con motivo das eleccións ao Parlamento galego que terán lugar o videiro 18 de febreiro de 2024. Na sección resolutiva aprobouse un suplemento de crédito financiado cun préstamo do Instituto Galego de Vivenda e Solo para rehabilitar a escola da Ladrela, na parroquia de Piñeiro, por importe de 63.264,12 euros; e tamén se aprobou inicialmente un regulamento para a asignación dos complementos retributivos de produtividade e gratificacións para o persoal municipal.
Na sección de fiscalización e control, douse conta do envío de información relativa ao Período Medio de Pago do 4º trimestre de 2023 (10,81 días) e do informe anual de morosidade do ano 2023. Tamén se informou da publicación dos anuncios de aprobación definitiva do orzamento do exercicio 2024 e anexos e do Plan de ordenación de recursos humanos, no Boletín Oficial da Provincia de Lugo o 15 de decembro de 2023.
A Alcaldía informou ao Pleno dos seguintes asuntos:
1º. A sinatura dun procotolo xeral para a posta en marcha dunha oficina demográfica para a integración de novos poboadores, combater o desequilibrio demográfico, recollidos no proxecto “E para vivir Lugo”, financiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e pola Deputación Provincial de Lugo, en data 21/12/2023.
2º. A sinatura dun convenio interadministrativo de cooperacion entre a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Xermade para cooperar na “Fase II da reposición das beirarrúas en Xermade” ano 2023, o 29/12/2023. O financiamento ascende a 79.999,98 euros (100% dos custes da obra).
3º. A concesión dunha subvención ao abeiro da ORDE do 1 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para os anos 2023 e 2024 (código de procedemento MT975P), para a adquisición de 103 composteiros, cunha axuda de 7.798,50 euros.
Xustificouse a anualidade 2023 o pasado 30/12/2023.
4º. O ingreso de 241.800,00 euros por mor da concesión de subvención polo Instituto de Transición Xusta dirixidas a proxectos de infraestruturas ambientais, sociais e dixitais en municipios de zonas afectadas pola transición enerxética no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, para o proxecto “A Reitoral (CIT): rehabilitación de casa reitoral para centro internacional da torneiría”, por importe total de 403.000,00 euros.
O proxecto básico e de execución foi entregado polo equipo redactor o 25/12/2023, con rexistro nº 2023-E-RE-842. Foi remitido a Patrimonio e a Vías e Obras da Deputación de Lugo para a obtención de autorizacións sectoriais, e a supervisión da Deputación.
No apartado “mocións”, o Partido Popular presentou unha moción relativa á atención primaria, que non chegou a debatirse ao non ratificarse a urxencia por maioría absoluta.
A seguinte sesión ordinaria terá lugar o segundo xoves do mes de marzo.