Seguridade para os nosos maiores

A Garda Civil e o Concello de Xermade ofrecen una charla ás persoas maiores con consellos sobre seguridade

A conferencia correrá a cargo de Javier Teijeiro, Sarxento 1º, comandante de posto da Pastoriza, formador do “Plan Maior da Compañía de Vilalba”.

Muller e corazón

Que pode facer para coidarse?
O doutor, xefe de cardioloxía en Valencia, responderá as dúbidas que lle plantexen as persoas asistentes.

XVII Campamento de verán: XERMADE CONCILIA 2024

Servizo lúdico e educativo do Campamento infantil de verán “Xermade Concilia 2024”: Servizo educativo e de esparexemento para nenas e nenos de 3-16 anos, durante os períodos de vacacións escolares de verán cuns contidos educativos e divertidos en base a unha programación educativa que conteña aspectos de educación para a convivencia, a igualdade a interculturalidade, a saúde e o consumo responsable e o ocio saudable. Haberá saídas/excursións, pernocta…para que os/as rapaces coñezan mellor a súa contorna (Parque acuático de Cerceda, praia…).

O Campamento de verán “Xermade Concilia 2024” desenvolverase nas vacacións escolares de verán, do 29 de xullo ao 16 de agosto. Horario: 9.00-14.00 horas. Non se inclúen na actividade o luns 12 e o xoves 15 de agosto, ambos festivos.

A responsabilidade do control e coidado dos/as nenos/as polo monitorado responsable abrangue exclusivamente a franxa horaria de funcionamento dos servizos.

Instalacións autorizadas polo Concello de Xermade serán a nave, campo de fútbol e carballeira na parroquia de Momán, e o pavillón municipal de Xermade para a pernocta e a mañá seguinte.

O campamento só se poderá poñer en marcha se hai un número mínimo de 8 crianzas, e un máximo de 60, e se as normas sanitarias en vigor no momento da realización do campamento permiten a realización do mesmo.

As datas das excursións e pernocta serán especificadas pola empresa adxudicataria. Para as excursións haberá un máximo de prazas, determinadas pola capacidade do autobús. Estas prazas asignarase por orde de entrega da documentación requerida pola empresa organizadora da actividade.

O Concello de Xermade ten solicitada unha axuda á Secretaría Xeral de Igualdade para a realización do campamento. No caso de que non se obteña o financiamento necesario para realización do campamento, o Concello pode cancelar a actividade.

Documentación necesaria para a inscrición xunto cos Anexos I e II:

• Fotocopia do Libro de familia e/ou título de familia numerosa
• Fotocopia do DNI dos pais/nais
• Fotocopias dos DNI das persoas autorizadas para a entrega e recollida das/os nenas/os.
• Fotocopia do DNI do/a neno/a
• Fotocopia da tarxeta sanitaria da/o nena/o
• Declaración xurada de ingresos, ocupación e información sanitaria (Anexo II).
• Acreditación da situación laboral: activo (pode acreditarse a través da parte de arriba da última nómina) ou desempregado/a (coa tarxeta demandante de emprego)

Anexo I
Anexo II

Bases Campamento verán 2024

Financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade

A FEGAMP selecciona ao Concello de Xermade como concello piloto do proxecto CEL RURAL

O mércores 12 de xuño a Secretaría Xeral da Federación Galega de Municipios de Provincias (FEGAMP) comunicou ao Concello de Xermade que a Xunta de Voceiros acordou seleccionalo como concello piloto do proxecto CEL RURAL, para o desenvolvemento dunha comunidade enerxética rural.

Nunha primeira fase a FEGAMP convidou aos 240 concellos cualificados como zonas pouco poboadas a presentar a súa candidatura. Foron presentadas 32 candidaturas. O 19 de abril a FEGAMP acorda preseleccionar a 12 concellos, atendendo ás puntuacións acadadas nos criterios de selección, aos que se lles solicitou documentación xustificativa a fin de axustar as puntuacións iniciais. O Concello de Xermade acadou a puntuación máis alta (200 puntos) e resultou o máis adecuado para implementar o proxecto piloto.

O Concello de Xermade está traballando na creación dunha Comunidade Enerxética Local (CEL) dende primeiros deste ano, e a tal fin solicitou a liña de axudas do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) para este fin. A concesión provisional das axudas foi notificada o 7 de maio, sendo a data límite para a constitución da CEL o 30 de setembro de 2024.

Mindfulness e relaxación

✍️ Inscrición na web https://goo.su/ZHhFuY ou no 678 744 178

Selección de persoal para tratamentos preventivos de xeito mecanizado

O Concello de Xermade aprobou as bases e convocatoria do proceso selectivo para a contratación, con carácter temporal, en réxime de dereito laboral, de peóns/as forestais en traballos forestais para tratamentos preventivos de xeito mecanizado.

A duración dos contratos está condicionada polo período de operatividade fixado no convenio: ata o 30/09/2024.

As retribucións brutas (incluida a prorrata das pagas extras) ascenden a 1.323,00 euros mensuais, consonte ao convenio colectivo para o sector de actividades forestais, publicado no BOE n.º 165 o 11/07/2019, na categoría de “peón forestal”.

As bases foron publicadas hoxe, sábado 1 de xuño, na sede electrónica municipal. O prazo de presentación de solicitudes de participación remata o martes 11 de xuño de 2024.

20240601_Publicación_Anuncio_Anuncio convocatoria proceso selectivo

Fogueiras de San Xoán 2024

As persoas, asociacións ou entidades organizadoras que desexen realizar unha fogueira deberán comunicalo por escrito ao Concello de Xermade, acompañando DNI do responsable para a súa comprobación.

As cacharelas poderán realizarse unicamente a noite do domingo 23 á madrugada do luns 24 de xuño de 2024.

Estas comunicacións poderanse presentar, por persoas maiores de idade, ata o luns 17 de xuño de 2024 ás 14:00 horas:

Presencialmente, na oficina do Rexistro Xeral do Concello de Xermade en horario de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas

Telemáticamente, na Sede Electrónica ás 24 horas do día

https://concelloxermade.sedelectronica.es/info.0

No documento de comunicación previa que se achega, as persoas interesadas deberán sinalar o nome e apelidos, enderezo, teléfono e o D.N.I. dos responsables ademais do emprazamento da cacharela.

Para dúbidas ou consultas, poden pasarse polas oficinas municipais ou chamar por teléfono (Miriam Alonso – 982 50 10 02)

Bando San Xoán 2024

Comunicación Previa Fogueiras San Xoán 2024

Fallo do xurado do X Premio de investigación “XERMADE NA HISTORIA”

Tras a reunión levada a cabo o xoves 23 de maio, ás 12:20 horas, formando parte do xurado

-Presidente: Don Roberto García Pernas, alcalde do Concello de Xermade, con dereito a voz e voto.

-Vogais, con dereito a voz e voto:

O 1º vogal: Don José Manuel Felpeto Carballeira, Presidente da Asociación de Veciños de Cabreiros.
O 2º vogal: Dona María Luisa Barreiro Mejuto, presidenta do Instituto de Estudos Chairegos
O 3º vogal: Dona María López Sández, profesora da área de Didáctica da Lingua e a Literatura da Universidade de Santiago de Compostela.
O 4º vogal: Dona Josefa Rey Castiñeira, profesora da área de Historia da Universidade de Santiago de Compostela

-Secretaria: Dona Lucía Guizán Trastoy, educadora familiar do Concello de Xermade, para recoller testemuño e acta do fallo do xurado.

Os traballos que resultaron premiados nesta edidición foron:

– “A sociedade de instrución e recreo `Progreso de Lousada´“, presentado baixo o pseudónimo : O cabaleiro de Pinar del Rio, foi o seleccionado para obter o PRIMEIRO PREMIO do certame. O autor do mesmo é Don Juan Carlos Vivero López, veciño de Guitiriz. Nado en Lousada (Xermade), Diplomado como mestre na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo (USC), desenvolveu a súa profesión como docente en diversos colexios de Lugo e Coruña, pero principalmente no CEIP Lagostelle de Guitiriz. O importe do premio é de 2.000 €

“Aproximación á cultura inmaterial de Xermade”, presentado baixo o pseudónimo Morriña, foi o seleccionado para obter o SEGUNDO PREMIO do certame. A autora do mesmo é Dona Manuela Castelo Santalla (“Lela”), veciña de Xermade. Nada en Loiba (Ortigueira), cursou estudos de Maxisterio e tamén é Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa. Logo de traballar en varias vilas galegas como profesora de instituto, obtivo a praza no IES Moncho Valcarce de As Pontes. O importe do premio é de 1.000 €

Aproveitamos para expresarlle a felicitación de todo o xurado.

Parabéns!

Subvenciona: Deputación de Lugo

XI PREMIO DE INVESTIGACIÓN “XERMADE NA HISTORIA”

O Concello de Xermade e a Asociación de Veciños de Cabreiros, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, convocan o XI Premio de Investigación “Xermade na historia”, financiado pola Exma. Deputación de Lugo, que será regulado polas seguintes

BASES

1. As persoas interesadas poderán participar tanto a nivel individual como colectivo.
2. Cada autor/a poderá concursar con cantos traballos desexe.
3. Os temas sobre os que poderán versar os traballos deberán estar relacionados co patrimonio etnográfico e cultural do Concello de Xermade (tradicións, festas, ritos, arte popular, lendas, memoria histórica, costumes, literatura oral, arquitectura, etc).
4. Haberá dous premios:
– 1º Premio, dotado con 2.000 euros.
– 2º Premio, dotado con 1.000 euros.
5. Os traballos deberán ser entregados baixo pseudónimo exclusivamente no rexistro do Concello de Xermade ou a través de correo postal. En sobre pechado serán incluídos:

-Nome, enderezo, teléfono, Curriculum Vitae ou, se é do caso, información detallada das características da asociación, colectivo, grupo …
-Modelo de presentación debidamente cumprimentado. O modelo poderá descargarse da páxina web do concello: www.xermade.org.

Co obxecto de garantir o anonimato, nos traballos de investigación presentados non figurará ningún dato persoal da persoa autora deles, senón unicamente o título na primeira páxina. Así mesmo, o traballo será presentado nun arquivo independente ao do resto da documentación. No mesmo sentido, o Concello de Xermade facilitaralle ao xurado, para o desenvolvemento das súas funcións, unicamente o documento que conteña o texto dos traballos presentados e manterá custodiada a identidade do/da autor/a ou dos/das autores/as ata que se resolva o procedemento.
6. Deberase entregar o orixinal paxinado en papel DIN A4 e copia en CD ou en memoria USB, tanto en formato PDF como en formato editable, fonte Times New Roman, tamaño 12, e entreliñado 1,5.
7. A extensión dos traballos será dun mínimo de 50 folios e un máximo de 400. As páxinas ocupadas polas notas, bibliografía, mapas, fotografías, etc, tamén se contabilizarán.
8. Os traballos deberán ser realizados e presentados en lingua galega. A data límite de presentación dos traballos será o día 21 de febreiro de 2025.
9. O xurado estará presidido polo Sr. Alcalde do Concello de Xermade, e catro vogais: Presidente da Asociación de Veciños de Cabreiros e tres especialistas en materias relacionadas co patrimonio etnográfico e cultural. Actuará como secretario/a un/ha funcionario/a do Concello de Xermade. A composición do xurado determinarase por resolución de alcaldía que se fará pública antes do 21 de marzo de 2025.
10. Unha vez que o xurado falle os premios, que poderán ser declarados desertos, daranse a coñecer a través dos medios de comunicación.
11. As persoas premiadas deberán comunicar por escrito ao Concello de Xermade a aceptación do Premio no prazo de oito (8) días naturais a partir da data da comunicación da concesión do mesmo.
12. As obras premiadas poderán ser editadas polo Concello de Xermade dentro do prazo de cinco (5) anos; transcorrido o mesmo, os seus autores/as disporán delas libremente, pero no momento, se é do caso, da súa publicación, deberán consignar a distinción concedida.
13. A Asociación de Veciños de Cabreiros e o Concello de Xermade poderán solicitar do autor/a calquera aclaración que estimen conveniente en relación co traballo. Así mesmo, poderán deixar sen efecto o Premio se o beneficiario incumpre as obrigacións sinaladas nas presentes Bases.
14. As cuestión non previstas nestas bases serán resoltas polo xurado de acordo co seu libre criterio.
15. A participación no Premio implica a total aceptación das presentes Bases.

Modelo de presentación XI Premio