Conferencia dentro dos actos do 8 M: “O suxeitador e a súa función na saúde da muller”

O Concello de Xermade continúa cos actos de celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, cunha conferencia da man de Bego Bermúdez, especialista da función do suxeitador na saúde da muller.

A idea central da charla será remarcar a importancia de levar un suxeitador axeitado para coidar a saúde do peito e da muller, xa que o uso inadecuado desta prenda pode conlevar doenzas como dor de costas, hernias, dor de cabeza… remarcando que un suxeitador ben tallado é primeiro saúde e logo estética.

XV Cea da muller de Xermade

O Concello de Xermade comeza a conmemoración do Día da Muller coa tradicional Cea da Muller, que chega á súa XV edición.

A celebración terá lugar o sábado 4 de marzo no restaurante “O Paso” de Candamil, a partir das 21.30 horas. O menú constará de pescada en salsa americana de primeiro, codillo de porco asado de segundo e tarta de tres chocolates de postre. Tamén haberá viño da casa, gaseosa, refrescos e auga.

A xornada rematará cunha actuación musical a cargo do dúo Estrellas e un reparto de agasallos. O prazo para inscribirse remata o 2 de marzo, e será presencialmente no concello, onde se adquiren os tickets da cea, que terán un prezo de 20 euros para mulleres empadroadas en Xermade e de 25 para as non empadroadas.

O Pleno reuniuse en sesión ordinaria o xoves 9 de febreiro

O Pleno da Corporación xermadina celebrou sesión ordinaria o xoves 9 de febreiro de 2023, ás 20.00 horas. Na parte resolutiva aprobouse inicialmente o Regulamento de títulos, honras e distincións, como paso previo á concesión do título de fillo predilecto a José Mouriño Cuba, nado na parroquia de Lousada, unha petición realizada polo Partido Popular vía rogo no pleno de outubro.
Tamén se aprobou un suplemento de crédito por importe de 15325,20 euros, financiado con remanente líquido de tesouraría, para a achega municipal ao programa de investimentos do Plan Único 2023. A Alcaldía explicou a solicitude de participación do concello nesta convocatoria, aprobada pola Xunta de Goberno Local o 8 de febreiro de 2023, desagregada por programas: 1190235_PCC_SOLICITUD TELEMÁTICA_2023
Na parte de fiscalización e control douse conta da liquidación do orzamento do exercicio 2022, que foi aprobada por Decreto da Alcaldía de data 6 de febreiro de 2023, que arroxa un resultado orzamentario de 208.440,62 euros e un remanente líquido de tesouraría para gastos xerais de 600.337,07 euros. No 2022 os gastos financiados co remanente do 2021 ascenderon a 470.878,00 euros, o que supuxo o incumprimento dos principios de estabilidade orzamentaria e a regra de gasto, sen consecuencias pola suspensión das regras fiscais, que se mantén para 2023.
Ao remate da sesión, o alcalde anunciou que acaban de recibir a proposta de concesión provisional dunha axuda de 403.000,00 euros do Instituto de Transición Xusta para rehabilitar a Casa Reitoral de Xermade, que se transformará nun Centro Internacional da Torneiría, segundo o proxecto redactado polas arquitectas da Universidade da Coruña Luz Paz Agras e Marta Maroño: A Reitoral – CIT
A carpintería exterior do inmoble foi substituida recentemente con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental.
O alcalde lamentou que o outro proxecto presentado a esta convocatoria de axudas, a Casa da Veciñanza de Roupar, fora denegado provisionalmente, e anunciou que presentarán alegacións no prazo de dez días outorgado ao efecto.

Entroido 2023

O concurso de disfraces Entroido Xermade 2023 celebrarase o luns día 20 de febreiro, ás 20.00 horas no Pavillón Polideportivo de Xermade.

O prazo de inscrición de participantes será ata o 14 de febreiro.

A inscrición poderá facerse de xeito presencial no Concello ou no correo electrónico educadora.familiar@xermade.org, aportando a folla de inscrición cuberta e un certificado de conta.

Bases Entroido 2023

Inscrición Entroido 2023

Concesión de subvención para o Servizo de Atención Temperá

O Servizo de Atención Temperá da agrupación de concellos Vilalba, Guitiriz e Xermade resultou beneficiaria dunha subvención por importe total de 322.440,00 euros para o período comprendido entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2024 e un total de 17.989,00 horas solicitadas.
O representante da agrupación para este período é o Concello de Xermade, quen se encargou de solicitar as axudas e licitar o servizo. A Xunta de Goberno Local adxudicou, na sesión extraordinaria celebrada o 18 de xaneiro de 2023, a COESCO SLU (única licitadora) o servizo de febreiro a outubro de 2023, con posibilidade de prorrogar un ano máis o contrato. A empresa comprometeuse a manter durante toda a vixencia do contrato un equipo multidisciplinar formado por tres profesionais (logopeda, terapeuta ocupacional e psicólogo/a) a xornada completa.
O servizo tivo que licitarse por segunda vez ao quedar deserta a licitación anterior, ao esixirse un equipo de 6 profesionais, sen que ningunha das licitadoras fora quen de acreditar dispoñer do mesmo.
Por ese motivo, o servizo estase prestando dende o 1 de novembro de 2022 mediante un contrato menor de servizos, que chegará ao seu fin unha vez que se formalice o contrato derivado da segunda licitación.

Curso de manipulación de alimentos

O xoves 9 de Febreiro do 2023, en horario de 16.00 a 19.00 horas na Sala de Xuntas da Biblioteca Municipal de Xermade, terá lugar un curso de manipulación de alimentos.

Será impartido por un Técnico en Hixiene Alimentaria acreditado pola Consellería de Sanidade, e as persoas interesadas, poderán obter tras o mesmo a certificación da participación, obrigatoria segundo o Regulamento Europeo 852/2004 para poder traballar con alimentos.

As persoas interesadas poden informarse sobre a certificación, importe da mesma e anotarse chamando ao teléfono 982 81 89 35 de luns a venres.

A Deputación de Lugo financiará a reposición de beirarrúas en Xermade

A Xunta de Goberno Local da Deputación de Lugo vén de aprobar un convenio de colaboración co Concello de Xermade para a reposición de beirarrúas e execución de senda peonil no núcleo de Xermade, por importe de 126.864,99 euros, dos cales 123.640,85 euros serán achegados pola institución provincial.
A finais de decembro a Alcaldía solicitou esta axuda, coa remisión dun proxecto técnico asinado polo enxeñeiro de camiños, canles e portos Miguel Ángel Fernández Rivera. O estado das beirarrúas da capital do municipio precisa unha renovación que pasa pola demolición das existentes (de baldosa hidráulica) e a execución dunhas novas, con lousa de formigón de 15 cm de cor, seguindo o modelo empregado no Campo da Feira-Momán.
Asemade, executarase unha senda peonil na entrada do núcleo, no tramo no que se atopa o lavadoiro público e dúas vivendas, a fin de mellorar a seguridade vial dos peóns.
Coa solicitude das axudas presentouse tamén solicitude de cesión das estradas de titularidade provincial no núcleo de Xermade en favor do concello.
O convenio asinouse o pasado 30 de decembro de 2022 e as obras deben executarse antes do 31 de outubro de 2023.

Excursión a Lalín

Falar de Lalín é falar de natureza, de miradoiros dende os que descubrir que o verde, o ocre, o amarelo ou o púrpura teñen centos de matices. Carballeiras, soutos e fragas de conto engalanan este municipio.

É terra de artistas e de amantes da arte, e iso nótase nas rúas. Unha boa forma de percorrer a vila é descubrindo as súas esculturas. Algunhas téñense convertido en símbolos do concello, coma a adicada ó aviador Loriga, ou a estatua do porco.

No Pazo de Liñares, o museo do Xoguete e a Marioneta coñeceremos a súa evolución a través de pezas de distintas épocas, no caso dos xoguetes, e no caso das marionetas, a súa influencia nas culturas de todo o mundo a través de pezas que nos farán viaxar polos distintos continentes. No museo etnográfico Casa do Patrón entenderemos como era a vida no rural a través dos seus obxectos de uso cotián, descubrir o aspecto dunha escola de principios do século pasado, ou ver como eran os cuartos das casas dos nosos devanceiros.

¿Imos?

Inscricións ata o 25 de xaneiro no 678 744 178

CURSO DE AUTO DEFENSA PARA MULLERES ANTE SITUACIÓNS VIOLENTAS

Profesionais de Fegaloita cualificados e con experiencia en técnicas de intervención en violencia de xénero, pertencentes ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, encárganse de formar ás mulleres participantes nestes cursos de defensa persoal fronte situacións de violencia de xénero.

📍 Biblioteca Municipal de Xermade
🗓️ Sábado 28 de xaneiro
⌚ De 10:00 a 14.00 e de 16.00 a 20:00 horas
📝 Inscricións: No whatsap 678 744 178