Campamento de verán “Xermade Concilia 2023”

• Datas: do 24 de xullo ó 11 de agosto (agás festivos)

• Lugar: Carballeira e nave do Concello (Momán), pernocta no Pavillón municipal (Xermade)

• Dirixido a nenas e nenos de 3 a 16 anos

• Horario: 9.00 a 14:00 horas

• Actividades: Xogos, parque acuático, música, pernocta, praia…

• Inscricións: No concello, do 6 ó 13 de xullo

• Documentación:

– Solicitude cuberta (Anexo I)
– Declaración xurada (Anexo II)
– Fotocopias:

1) Libro de familia e/ou título de familia numerosa
2) DNI do/a neno/a, dos pais/nais ou titores, e das persoas autorizadas para a entrega e recollida
3) Tarxeta sanitaria do/a nena/a
4) Acreditación da situación laboral dos pais/nais (activo ou desemprego)

+ Información: Educadora familiar 678 744 178

Financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade.

Anexo I
Anexo II
Bases Campamento verán 2023

Sesión ordinaria do Pleno o xoves 8 de xuño

Consonte á periodicidade establecida neste mandato que está a piques de rematar, o Pleno de Xermade reúnese en sesión ordinaria o xoves 8 de xuño de 2023. Na parte resolutiva o único asunto é a resolución do expediente de deslinde dun camiño público no lugar das Casas Novas, que foi iniciado no pleno do mes de abril.
Na parte de fiscalización e control dáse conta dos informes de control financeiro en materia de subvencións e ingresos, emitidos pola Intervención municipal en aplicación do Plan Anual de Control Financeiro do exercicio 2022, así como o informe-resumo das actuacións de control financeiro levadas a cabo neste exercicio. Tamén se dá conta ao Pleno do Plan Anual de Control Financeiro para o exercicio 2023, elaborado pola Intervención municipal.
Cúmprese tamén coa obriga de informar ao Pleno dos envíos ao Ministerio a través da Oficina Virtual de Coordinación Financeira coas entidades locais, no que respecta á execución do 1º trimestre de 2023 e Período Medio de Pago do 1º trimestre de 2023 (o PMP foi de 21,82 días dende a entrada da factura no rexistro), así como o esforzo fiscal do exercicio 2021.
Esta sesión será a penúltima deste mandato, posto que o 14 de xuño o Pleno reunirase de novo en sesión extraordinaria para aprobar as actas pendentes.

X PREMIO DE INVESTIGACIÓN “XERMADE NA HISTORIA”

O Concello de Xermade e a Asociación de Veciños de Cabreiros, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, convocan o X Premio de Investigación “Xermade na historia”, financiado pola Exma. Deputación de Lugo, que será regulado polas seguintes

BASES

1. As persoas interesadas poderán participar tanto a nivel individual como colectivo.
2. Cada autor/a poderá concursar con cantos traballos desexe.
3. Os temas sobre os que poderán versar os traballos deberán estar relacionados co patrimonio etnográfico e cultural do Concello de Xermade (tradicións, festas, ritos, arte popular, lendas, memoria histórica, costumes, literatura oral, arquitectura, etc).
4. Haberá dous premios:
– 1º Premio, dotado con 2.000 euros.
– 2º Premio, dotado con 1.000 euros.
5. Os traballos deberán ser entregados no rexistro do Concello de Xermade baixo pseudónimo, ou a través de correo postal (nunca telemáticamente). En sobre pechado serán incluídos os datos da persoa participante: Nome, enderezo, teléfono…
6. Coa presentación dos orixinais deberá ser incluída, tamén, a seguinte documentación:
– Curriculum Vitae ou, se é do caso, información detallada das características da asociación, colectivo, grupo…
– Modelo de presentación debidamente cumprimentado. O modelo poderá descargarse da páxina web do concello: www.xermade.org
7. Deberase entregar o orixinal en papel DIN A4 e copia en CD ou en memoria USB, tanto en formato PDF como en formato editable, fonte Times New Roman, tamaño 12, e entreliñado 1,5.
8. A extensión dos traballos será dun mínimo de 50 folios e un máximo de 400. As páxinas ocupadas polas notas, bibliografía, mapas, fotografías, etc, tamén se contabilizarán.
9. Os traballos deberán ser realizados e presentados e en lingua galega. A data límite de presentación dos traballos será o día 23 de febreiro de 2024.
10. O xurado estará presidido polo Sr. Alcalde do Concello de Xermade, e catro vogais: Presidente da Asociación de Veciños de Cabreiros e tres especialistas en materias relacionadas co patrimonio etnográfico e cultural. Actuará como secretario/a un/ha funcionario/a do concello de Xermade. A composición do xurado determinarase por resolución de alcaldía que se fará pública antes do 22 de marzo de 2024.
11. Unha vez que o xurado falle os premios, que poderán ser declarados desertos, daranse a coñecer a través dos medios de comunicación.
12. As persoas premiadas deberán comunicar por escrito ao Concello de Xermade a aceptación do Premio no prazo de oito (8) días naturais a partir da data da comunicación da concesión do mesmo.
13. As obras premiadas poderán ser editadas polo Concello dentro do prazo de cinco (5) anos; transcorrido o mesmo, os seus autores/as disporán delas libremente, pero no momento, se é do caso, da súa publicación, deberán consignar a distinción concedida.
14. A Asociación de Veciños de Cabreiros e o Concello de Xermade poderán solicitar do autor/a calquera aclaración que estimen conveniente en relación co traballo. Así mesmo, poderán deixar sen efecto o Premio se o beneficiario incumpre as obrigacións sinaladas nas presentes Bases.
15. As cuestión non previstas nestas bases serán resoltas polo xurado de acordo co seu libre criterio.
16. A participación no Premio implica a total aceptación das presentes Bases.

Modelo de presentación X Premio

Licitación do proxecto de reparación de estradas en Roupar, A Touza, Penavaqueira e Lousada

O Concello de Xermade e a Deputación de Lugo asinaron un convenio interadministrativo de colaboración para a reparación de estradas nos lugares de Roupar, A Touza, Penavaqueira e Lousada, o pasado 28 de marzo de 2023.
A Deputación financia esta obra cunha achega de 100.000 euros, e o Concello achega os 19.823,92 euros restantes. O proxecto xa conta coas autorizacións sectoriais necesarias para a súa aprobación e foi aprobado pola Alcaldía o pasado 26 de maio de 2023.
A mellora de viais municipais con aglomerado iniciouse no 2022 cun tramo en Rebuxentos, financiado tamén grazas a un convenio coa Deputación de Lugo, e continuou na Criba, Cabreiros, Candamil e O Aruxo, cun proxecto financiado con fondos propios (remamente líquido de tesouraría).
As empresas interesadas teñen ata o 12 de xuño para presentaren ofertas, a través da Plataforma de Contratación do Sector Público.
Ligazón ao proxecto: 20230524_Outros_PROYECTO AGLOMERADOS 2023 signed

Licitación da área de xogos infantís en Roupar

A Xunta de Goberno Local celebrou sesión ordinaria o pasado mércores 24 de maio, na que se aprobaron dous expedientes de contratación: un proxecto de obras incluido no Plan Único 2022, a área de xogos infantís en Roupar, que se executará na parcela da reitoral de San Pedro Fiz, e ten un orzamento de licitación de 58.671,30 euros, IVE incluido. Tamén se aprobou a licitación do campamento de verán “Xermade Concilia 2023”, que terá lugar en Momán do 24 de xullo ao 11 de agosto de 2023 e será de balde para as familias, coma en anos anteriores. A Xunta de Goberno Local acordou tamén solicitar a subvención da Secretaría Xeral de Igualdade para conciliación, coa que se financiarán os gastos de persoal do campamento.
No punto da orde do día adicado a convenios, aprobouse a addenda ao convenio de colaboración asinado coa Universidade da Coruña para o impulso dos proxectos de rehabilitación das casas reitorais de Xermade e Roupa, motivada pola concesión dunha axuda de 403.000 euros á Reitoral de Xermade para converterse nun Centro Internacional da Torneiría, por parte do Instituto de Transición Xusta. O equipo técnico da UDC, formado polas arquitectas Luz Paz Agras e Marta Maroño, redactará o proxecto de execución, como paso previo á licitación das obras de rehabilitación deste inmoble.

Fin de curso de Zumba

Clase aberta e gratuíta para calquera persoa que queira participar.

Impartida por Puzzle Animacion S.L.

XIX Xornadas Interxeracionais Rurais

A asociación de veciños de Cabreiros, o Concello de Xermade e o Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade de Santiago (USC) organizan a décimo novena edición das Xornadas Interxeracionais Rurais, que comezarán o 20 de maio e durarán ata o 3 de xuño.

As xornadas, financiadas polo Concello e a Deputación Provincial de Lugo, pretenden unir a nenos, adultos e maiores para reflexionar sobre a vida no rural. Todas as actividades son gratuítas e non precisan de inscrición.

Subvenciona

A WEB SERIE “ARRIEIROS SOMOS”, DE RUBÉN RIÓS, CHEGARÁ ESTE VENRES AO CONCELLO DE XERMADE

A web serie, que xa conta con máis de 1.000.000 de visualizacións nas súas dúas tempada e galardoada co premio á mellor webserie polo Festival Inclusivo de Vigo, fíxose trending topic a nivel nacional en tódolos medios de comunicación por medio da felicitación de nadal, con extracto do capitular de Rosa de Pantón, despertando a nostalxia das nosas matriarcas.

Tras o éxito na presentación do libro que toma título da webserie editado por Galaxia, Arrieiros Somos chegará este venres 5 de maio ás 21:00h ao Concello de Xermade nas plataformas dixitais do cineasta.

Este quinto capítulo mostrará o Concello de Xermade a través das miradas de Felicitas Fernández e Pablo Fernández a través dunha homenaxe á sabiduría popular destes dous protagonistas.
En Verín, xoves 04 de maio.- O cineasta plasmou en imaxes os testemuños Felicitas Fernández e Pablo Fernández no Concello de Xermade e arredores coa mostra do seu patrimonio natural e cultural.

A serie-documental conta con máis de 1.000.000 de visionados nas plataformas, foi premiada á Mellor Web Serie polo Festival de Cine Inclusivo de Vigo, tranding topic na prensa a nivel nacional e cun recente libro editado por Galaxia, unha aposta pola sabiduría e experiencia das xeracións anteriores, xa que o seu traballo e as suas vivenzas foron fundamentais para construir un mundo mellor, retoma esta terceira tempada con gran forza.

Un proxecto audiovisual que, según o seu propio director, non só pretende entreter senón, que no transcurso dos doce capítulos dos que consta esta terceira tempada, quere empoderar as nosas xentes. A esas persoas, que pola velocidade que vivimos no día a día, non escoitamos tanto, ou non queremos escoitar, e que nesta pandemia se converteron nun dos colectivos máis golpeados.

O capítulo que emitirase nas redes de Rubén Riós e da colaboradora Elena Ferro o venres ás 21:00h contan máis de 200.000 seguidores en plataforma.

Este traballo puidose levar a cabo grazas ao Concello de Xermade polo seu compromiso coa nosa Galicia e as nosas xentes e a patrocinadores coma Xadigal que apostan pola nosa cultura.

Este capítulo mostrará unha grande homenaxe ao noso patrimonio histórico material e inmaterial, da nosa Galicia. Unha Galicia cun gran potencial que nos deixan os nosos maiores inculcando o amor pola nosa terra a través das raíces.

AXENDA ARRIEIROS SOMOS
Data: 05/05/23
Lugar: Instagram: rubenriosoficial / Facebook: Rubén Riós Facebook: Eferro / instagram: eferro_elenaferro Hora: 21:00h

Nomeamento de José Mouriño Cuba como fillo predilecto do Concello de Xermade

O Pleno do Concello de Xermade acordou onte, por unanimidade, nomear fillo predilecto a José Mouriño Cuba, nado en Lousada en 1948, pola súa traxetoria profesional en prol do sector agroalimentario galego en xeral e da Terra Chá e Xermade en particular.
A Alcaldía designou ao concelleiro Antonio Riveira Requeijo como instrutor do expediente, a fin de que recabara os méritos de José Mouriño Cuba que o fan merecedor desta distinción.
Acadou o Título de Enxeñeiro Técnico Agrícola e de Licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago. Pertence ao Corpo Especial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas do Estado e ao Corpo Facultativo Superior da Xunta de Galicia como Biólogo. Foi presidente e cofundador do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense. Axudou a crear varias Denominacións de Calidade como medio de fomentar e acadar o proceso de industrialización agroalimentaria do campo en Galicia, entre os que destacan os Proxectos do Viño da Ribeira Sacra, Queixo de San Simón e Implantación da Agricultura Ecolóxica, entre outras varias, como a Castaña, Queixo do Cebreiro, etc.
José Mouriño Cuba tamén publicou “Lousada, un berce de lecer”, con poemas coa súa parroquia natal, a súa historia e os seus costumes como protagonistas.
O homenaxeado recibiu de mans do alcalde, Roberto García Pernas, un pin co escudo heráldico municipal e un diploma artístico, ademais dos dous tomos editados polo Concello do Premio Xermade na Historia. O acto, sinxelo e emotivo, rematou coas palabras de agradecemento de José Mouriño polo título concedido.

Obradoiros de Consumo

💡 O Programa Cores pretende achegar a educación en materia de consumo responsable ao maior número de destinatarios posible, adaptándose ás súas necesidades.

É o programa permanente da EScola Galega de Consumo (EGC) a través do cal se ofertan obradoiros e charlas participativas ao longo de todo o ano.

⏰ A duración estimada de cada actividade é de 60 minutos.