A FEGAMP selecciona ao Concello de Xermade como concello piloto do proxecto CEL RURAL

O mércores 12 de xuño a Secretaría Xeral da Federación Galega de Municipios de Provincias (FEGAMP) comunicou ao Concello de Xermade que a Xunta de Voceiros acordou seleccionalo como concello piloto do proxecto CEL RURAL, para o desenvolvemento dunha comunidade enerxética rural.

Nunha primeira fase a FEGAMP convidou aos 240 concellos cualificados como zonas pouco poboadas a presentar a súa candidatura. Foron presentadas 32 candidaturas. O 19 de abril a FEGAMP acorda preseleccionar a 12 concellos, atendendo ás puntuacións acadadas nos criterios de selección, aos que se lles solicitou documentación xustificativa a fin de axustar as puntuacións iniciais. O Concello de Xermade acadou a puntuación máis alta (200 puntos) e resultou o máis adecuado para implementar o proxecto piloto.

O Concello de Xermade está traballando na creación dunha Comunidade Enerxética Local (CEL) dende primeiros deste ano, e a tal fin solicitou a liña de axudas do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) para este fin. A concesión provisional das axudas foi notificada o 7 de maio, sendo a data límite para a constitución da CEL o 30 de setembro de 2024.

Mindfulness e relaxación

✍️ Inscrición na web https://goo.su/ZHhFuY ou no 678 744 178

Selección de persoal para tratamentos preventivos de xeito mecanizado

O Concello de Xermade aprobou as bases e convocatoria do proceso selectivo para a contratación, con carácter temporal, en réxime de dereito laboral, de peóns/as forestais en traballos forestais para tratamentos preventivos de xeito mecanizado.

A duración dos contratos está condicionada polo período de operatividade fixado no convenio: ata o 30/09/2024.

As retribucións brutas (incluida a prorrata das pagas extras) ascenden a 1.323,00 euros mensuais, consonte ao convenio colectivo para o sector de actividades forestais, publicado no BOE n.º 165 o 11/07/2019, na categoría de “peón forestal”.

As bases foron publicadas hoxe, sábado 1 de xuño, na sede electrónica municipal. O prazo de presentación de solicitudes de participación remata o martes 11 de xuño de 2024.

20240601_Publicación_Anuncio_Anuncio convocatoria proceso selectivo

Fogueiras de San Xoán 2024

As persoas, asociacións ou entidades organizadoras que desexen realizar unha fogueira deberán comunicalo por escrito ao Concello de Xermade, acompañando DNI do responsable para a súa comprobación.

As cacharelas poderán realizarse unicamente a noite do domingo 23 á madrugada do luns 24 de xuño de 2024.

Estas comunicacións poderanse presentar, por persoas maiores de idade, ata o luns 17 de xuño de 2024 ás 14:00 horas:

Presencialmente, na oficina do Rexistro Xeral do Concello de Xermade en horario de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas

Telemáticamente, na Sede Electrónica ás 24 horas do día

https://concelloxermade.sedelectronica.es/info.0

No documento de comunicación previa que se achega, as persoas interesadas deberán sinalar o nome e apelidos, enderezo, teléfono e o D.N.I. dos responsables ademais do emprazamento da cacharela.

Para dúbidas ou consultas, poden pasarse polas oficinas municipais ou chamar por teléfono (Miriam Alonso – 982 50 10 02)

Bando San Xoán 2024

Comunicación Previa Fogueiras San Xoán 2024

Fallo do xurado do X Premio de investigación “XERMADE NA HISTORIA”

Tras a reunión levada a cabo o xoves 23 de maio, ás 12:20 horas, formando parte do xurado

-Presidente: Don Roberto García Pernas, alcalde do Concello de Xermade, con dereito a voz e voto.

-Vogais, con dereito a voz e voto:

O 1º vogal: Don José Manuel Felpeto Carballeira, Presidente da Asociación de Veciños de Cabreiros.
O 2º vogal: Dona María Luisa Barreiro Mejuto, presidenta do Instituto de Estudos Chairegos
O 3º vogal: Dona María López Sández, profesora da área de Didáctica da Lingua e a Literatura da Universidade de Santiago de Compostela.
O 4º vogal: Dona Josefa Rey Castiñeira, profesora da área de Historia da Universidade de Santiago de Compostela

-Secretaria: Dona Lucía Guizán Trastoy, educadora familiar do Concello de Xermade, para recoller testemuño e acta do fallo do xurado.

Os traballos que resultaron premiados nesta edidición foron:

– “A sociedade de instrución e recreo `Progreso de Lousada´“, presentado baixo o pseudónimo : O cabaleiro de Pinar del Rio, foi o seleccionado para obter o PRIMEIRO PREMIO do certame. O autor do mesmo é Don Juan Carlos Vivero López, veciño de Guitiriz. Nado en Lousada (Xermade), Diplomado como mestre na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo (USC), desenvolveu a súa profesión como docente en diversos colexios de Lugo e Coruña, pero principalmente no CEIP Lagostelle de Guitiriz. O importe do premio é de 2.000 €

“Aproximación á cultura inmaterial de Xermade”, presentado baixo o pseudónimo Morriña, foi o seleccionado para obter o SEGUNDO PREMIO do certame. A autora do mesmo é Dona Manuela Castelo Santalla (“Lela”), veciña de Xermade. Nada en Loiba (Ortigueira), cursou estudos de Maxisterio e tamén é Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa. Logo de traballar en varias vilas galegas como profesora de instituto, obtivo a praza no IES Moncho Valcarce de As Pontes. O importe do premio é de 1.000 €

Aproveitamos para expresarlle a felicitación de todo o xurado.

Parabéns!

Subvenciona: Deputación de Lugo

XI PREMIO DE INVESTIGACIÓN “XERMADE NA HISTORIA”

O Concello de Xermade e a Asociación de Veciños de Cabreiros, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, convocan o XI Premio de Investigación “Xermade na historia”, financiado pola Exma. Deputación de Lugo, que será regulado polas seguintes

BASES

1. As persoas interesadas poderán participar tanto a nivel individual como colectivo.
2. Cada autor/a poderá concursar con cantos traballos desexe.
3. Os temas sobre os que poderán versar os traballos deberán estar relacionados co patrimonio etnográfico e cultural do Concello de Xermade (tradicións, festas, ritos, arte popular, lendas, memoria histórica, costumes, literatura oral, arquitectura, etc).
4. Haberá dous premios:
– 1º Premio, dotado con 2.000 euros.
– 2º Premio, dotado con 1.000 euros.
5. Os traballos deberán ser entregados baixo pseudónimo exclusivamente no rexistro do Concello de Xermade ou a través de correo postal. En sobre pechado serán incluídos:

-Nome, enderezo, teléfono, Curriculum Vitae ou, se é do caso, información detallada das características da asociación, colectivo, grupo …
-Modelo de presentación debidamente cumprimentado. O modelo poderá descargarse da páxina web do concello: www.xermade.org.

Co obxecto de garantir o anonimato, nos traballos de investigación presentados non figurará ningún dato persoal da persoa autora deles, senón unicamente o título na primeira páxina. Así mesmo, o traballo será presentado nun arquivo independente ao do resto da documentación. No mesmo sentido, o Concello de Xermade facilitaralle ao xurado, para o desenvolvemento das súas funcións, unicamente o documento que conteña o texto dos traballos presentados e manterá custodiada a identidade do/da autor/a ou dos/das autores/as ata que se resolva o procedemento.
6. Deberase entregar o orixinal paxinado en papel DIN A4 e copia en CD ou en memoria USB, tanto en formato PDF como en formato editable, fonte Times New Roman, tamaño 12, e entreliñado 1,5.
7. A extensión dos traballos será dun mínimo de 50 folios e un máximo de 400. As páxinas ocupadas polas notas, bibliografía, mapas, fotografías, etc, tamén se contabilizarán.
8. Os traballos deberán ser realizados e presentados en lingua galega. A data límite de presentación dos traballos será o día 21 de febreiro de 2025.
9. O xurado estará presidido polo Sr. Alcalde do Concello de Xermade, e catro vogais: Presidente da Asociación de Veciños de Cabreiros e tres especialistas en materias relacionadas co patrimonio etnográfico e cultural. Actuará como secretario/a un/ha funcionario/a do Concello de Xermade. A composición do xurado determinarase por resolución de alcaldía que se fará pública antes do 21 de marzo de 2025.
10. Unha vez que o xurado falle os premios, que poderán ser declarados desertos, daranse a coñecer a través dos medios de comunicación.
11. As persoas premiadas deberán comunicar por escrito ao Concello de Xermade a aceptación do Premio no prazo de oito (8) días naturais a partir da data da comunicación da concesión do mesmo.
12. As obras premiadas poderán ser editadas polo Concello de Xermade dentro do prazo de cinco (5) anos; transcorrido o mesmo, os seus autores/as disporán delas libremente, pero no momento, se é do caso, da súa publicación, deberán consignar a distinción concedida.
13. A Asociación de Veciños de Cabreiros e o Concello de Xermade poderán solicitar do autor/a calquera aclaración que estimen conveniente en relación co traballo. Así mesmo, poderán deixar sen efecto o Premio se o beneficiario incumpre as obrigacións sinaladas nas presentes Bases.
14. As cuestión non previstas nestas bases serán resoltas polo xurado de acordo co seu libre criterio.
15. A participación no Premio implica a total aceptación das presentes Bases.

Modelo de presentación XI Premio

XX Xornadas Interxeracionais Rurais

Con moita ilusión e moitas ganas presentámosvos o programa das XX Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros, Xermade.

Unha edición especial, pois chegar á cifra dos 20 anos é un reto constante de compromiso e traballo, pero sempre coa recompensa de tervos a vós ao outro lado, xa que sodes parte indispensable para que isto siga adiante!

Así pois, outro ano máis queremos convidarvos a que nos acompañedes, temos un programa do máis completo e variado e queremos seguir aprendendo e compartindo en comunidade.

De Castro a Villalta

A Xanela Do Maxín traerá ó alumnado do Ceip Plurilingüe De Xermade un espectáculo no que se pretende poñer en valor o legado de seis mulleres excepcionais homenaxeadas nas Letras Galegas, dende Rosalía de Castro a Luísa Villalta.

Mulleres que deixaron unha pegada imborrable na literatura e no teatro galegos e que destacaron pola súa creatividade, compromiso e contribución á nosa rica cultura.

Rosalía de Castro: A poeta do sentimento. Os seus versos, cheos de emoción e reflexión, continúan a emocionar e inspirar a aquelas persoas que aman a lingua galega e a súa rica tradición literaria.
Francisca Herrera Garrido: Abriu camiño para as mulleres na literatura. Ao ser a primeira en recibir este recoñecemento despois de Rosalía, demostrou que a súa voz era digna de ocupar un lugar destacado na rica historia literaria de Galicia.
María Mariño: Cunha conexión íntima coa terra e o mar galegos, deixou unha pegada única na nosa literatura. A súa capacidade para retratar a beleza e a dureza da nosa paisaxe é un testamento á súa mestría literaria.
María Victoria Moreno: Unha narradora infatigable que amou e defendeu a nosa lingua coa súa pluma. A súa obra diversa e comprometida é unha fonte de orgullo para a literatura galega.
Xela Arias: Coa súa poesía revolucionaria e comprometida, logrou liberar a palabra galega e situar a lingua no corazón da súa obra. A súa poesía é unha oda á liberdade e á identidade galega.
Luísa Villalta: Coa súa paixón polo teatro e a poesía, marcou un antes e un despois no panorama cultural galego. A súa obra teatral, comprometida e vangardista, non só entretén, senón que tamén fai reflexionar e espertar conciencias.

Financiado con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero

Sobes ao autobús do teatro?

Co gallo dos seus 40 anos, o Centro Dramático Galego facilita un autobús GRATUÍTO para acudir o venres 17 de maio ao teatro en Santiago de Compostela, a ver a representación de “Os actos e as profecías”.

Cada persoa participante deberá aboar a entrada ó teatro, que terá un custo de 3 €.

Compartiremos autobús cos concellos de Muras e Guitiriz, habendo 20 prazas reservadas para o Concello de Xermade.

Previamente ó teatro, hai tempo libre para gozar de Compostela.

RUTA E HORARIOS

10:00 horas: Saída dende Muras
10:30 horas: Saída dende Xermade
11:00 horas: Saída dende Guitiriz
12:00 horas: Chegada a Santiago
12:00-17:00 horas: Visita a Santiago por libre
17:00 horas: Retirada entradas Salón Teatro
18:00 horas: Función “Os actos e as profecías”
20:30 horas: Saída cara as localidades de orixe.

Inscrición e máis información: 678 744 178 (Educadora familiar)

I Certame de creación artística escrita e gráfica: XERMADEANDO POLA IGUALDADE

O Concello de Xermade convida a todo o alumnado do CEIP de Xermade a participar nun certame de creación artística escrita e gráfica.

Poderán concorrer ao certame o alumnado matriculado no CEIP Plurilingüe de Xermade durante o curso 2023/2024. As categorías serán:
– Categoría A: Alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria.
– Categoría B: Alumnado de 2º, 3º e 4º de Primaria
– Categoría C: Alumnado 5º e 6º de Primaria.

O tema do concurso baseará sobre os seres mitolóxicos desde unha perspectiva da igualdade, fomentando a busca da ruptura de estereotipos e transmutando os mitos que contribúen o mantemento de valores patriarcais e ó reparto dos roles de xénero. Cada categoría terá unha modalidade:

– Categoría A: Creación dun debuxo.
– Categorías B e C: Creación dun conto, en lingua galega.

Os traballos deben ser inéditos e orixinais, presentados nun folio de tamaño DIN A4, sen utilizar medios dixitais para a súa realización. Entregaranse só co título, sen ningunha identificación persoal.

A entrega dos traballos será presencial, na Biblioteca Municipal de Xermade, ata o 14 de xuño, achegando unha copia das cualificacións do curso 2023/2024 ou calquera outra documentación acreditativa, a efectos de certificar que o alumno/a está matriculado no centro.

Todo o alumnado participante recibirá un vale por 30 € no momento da entrega do traballo para material escolar.

De entre os traballos entregados, escolleranse tres premios por cada categoría, que recibirán os seguintes premios:

– Categoría A:

1ºPremio: vale para material escolar por valor de 50 €
2ºPremio: vale para material escolar por valor de 30 €
3ºPremio: vale para material escolar por valor de 25 €

– Categorías B e C

1ºPremio: vale para material escolar por valor de 75 €
2ºPremio: vale para material escolar por valor de 55 €
3ºPremio: vale para material escolar por valor de 40 €

Bases I XERMADEANDO POLA IGUALDADE