O Camiño Real enlazaba Mondoñedo, capital do antigo Reino de Galicia, con Ferrol, coa súa historia escrita sobre auga, co porto pesqueiro, arsenal e estaleiro, tamén con subsede do Bisbado que as une. O camiño supoñía unha ruta comercial e sobre el téñense producido innumerables acontecementos dos que se conservan algúns na memoria da xente.

No seu percorrido polo Concello de Xermade cruza a Serra da Carba, que forma parte do LIC da Serra do Xistral, entrando por Lousada e saíndo na parroquia de Roupar, hacia As Pontes, Espiñaredo, Ponte de Xubia e Ferrol.

Antes, saíndo de Mondoñedo, cruza Abadín por Romariz, Labrada e Montouto e Vilalba por San Simón e Vilapedre.

HISTORIAS NO CAMIÑO:

Casa da Neveira: Edificio onde se recollía a neve da zona próxima, onde se pisaba de forma que se convertía en xeo. Este xeo conservábase durante o ano na casa e levábase para o porto de Ferrol polo camiño real, en cabalarías, pola noite, para conservalo mellor.

Lagoa: Lago natural que se forma polas elevadas precipitacións invernais e a escasa drenaxe; sitúase na parte máis alta e chan.

Fraga da Lagoa: Auténtico nicho ecolóxico onde se atopan carballos e acivros seculares con outra vexetación, que forma un manto no terreo de grande valor ambiental. Na súa cabeceira nace o Río Trimaz, uníndose a el outros regos que nacen na Serra da Carba. No seu cumio facíanse as montarías ata o primeiro terzo do século XX e había un foxo do lobo.

Pepa a Loba: Personaxe histórico, nado no norte de Pontevedra, sobre o que Reigosa escribiu unha novela da súa vida, veu parar á Abelleira, ó mercar un mesón situado no lugar do mesmo nome, cruce dos camiños Mondoñedo – Ferrol e Lugo – Viveiro, onde daba servizo ós camiñantes con comida e pousada e, segundo a lenda, proseguindo coa súa labor de bandoleira. Consérvase a casa que a albergou nestas terras.

Fornos: Contan que lle quedou o nome de Fornos, pola existencia de fornos de pan que cocían con asiduidade para abastecer ós viaxantes do Camiño.

Capela do Campo: Construída en tempos do Conde Sánchez, señor dunha parte de Roupar, por herdanza dos Condes de Amarante.

Cárcere de Roupar: Consérvase un edificio antigo que era usado polo correxidor do Rei, en tempos do Conde de Amarante, como prisión. Próximo está o Pozo do Cárcere, que servía para abastecer ós ocupantes do edificio.

Capela de San Andrés de Teixido: Donde se conta que o cura que a rexía levou o santo para o lugar que dende aquela se chamou San Andrés de Teixido, no Concello de Cedeira.

Treito entre Lousada e As Pontes do Camiño Real da Carba (entre Mondoñedo e Ferrol)