CABREIROS (Santa Mariña)
Formada por estes barrios ou entidades singulares de poboación: A Aloulada, A Amosa, Cabreiros, A Carballosa, Caschao, O Castro, As Cernadas, O Chao, O Empalme, A Fraga, Leboré, Penachaíña, O Rego, O Reguengo, O Revellón, San Martiño, O San Vitorio, A Touza, A Touza Vella, O Tumbadoiro e Vilacide.
Arquitectura Relixiosa
Igrexa Parroquial. A antiga igrexa era obra de dúas épocas. Parte da nave era máis antiga (s. XVI), a capela maior databa do s. XVIII. A torre das campás estaba separada do resto do edificio. A nave era rectangular con teito de madeira con dúas vertentes. Enriba do dintel da porta lateral había un releve en pedra que representa unha figura humana espida. A capela maior con teito de madeira a catro augas, e arco triunfal de medio punto. A sacristía está ó lado norte do presbiterio. Os muros eran de pedra, o chan de laxes e o tellado de lousa.
– Retablo maior: Da primeira metade do século XVIII con columnas salomónicas.
– Retablo dereito: De estilo rococó cun releve de San Antón de Padua sacando unha alma do lume (derradeiro tercio do s. XVIII).
– Retablo esquerdo: De estilo neoclásico, con esculturas de San Caetano e Nosa Señora do Carme (s. XVIII) e San Antón de Padua (s. XIX).
– Retablo da nave: Cun Cristo de finais do s. XVIII e imaxe de Santa Mariña (titular da parroquia).
Cruz parroquial de prata con releve de Santa Mariña.
Capela do Reguengo (Capela de San Xosé). De planta rectangular, teito de madeira a catro augas. Orientada a poñente. Ten muros de pedra e tellado de lousa. O retablo é neoclásico con releve do Pai Eterno (s. XIX) e escultura da Sagrada Familia.
Megalitismos
Medoñas de Tras do Empalme, Medoñas do Rego da Lagoa (Vilacide) e Medoña das Cuvelas (Vilacide).
Cruceiros
Situados na Touza, Leboré, San Martiño e Adro da Igrexa.
Castros
O Castro e As Airas dos Mouros.