BASES DO V CONCURSO DE DECORACIÓN DE NADAL
O Concello de Xermade convida a toda a veciñanza a participar nun concurso de decoración de Nadal, co fin de dinamizar a participación activa da cidadanía, fomentando a súa creatividade, e incentivando a ilusión das máis pequenas e pequenos.
Aquelas persoas que queiran participar deben seguir as presentes bases do concurso:
Primeira.- Categorías e participantes:
As categorías do concurso serán:
1) Vivendas: Árbore de Nadal
2) Vivendas: Nacemento/Belén
3) Vivendas: Decoración xeral interior
4) Vivendas: Decoración exterior
a) Establecementos comerciais e Locais e/ou exteriores de Asociacións veciñais: Decoración xeral
Na participación por vivendas, a inscrición debe facerse a nome dunha persoa empadroada en dita vivenda do concello. Unha mesma vivenda pode escoller participar nas categorías 1), 2), 3), e/ou 4), máximo a catro categorías, mínimo de unha.
Na participación por negocio, a inscrición será a nome da persoa titular do mesmo, e da asociación, dunha persoa da Xunta Directiva. A participación de negocios e asociacións será exclusivamente na categoría a).
Segunda. Temática
O tema do concurso será a festividade do Nadal, os motivos tradicionais da mesma, tendo as persoas participantes plena liberdade no referente a técnicas e estilos.
Terceira.- Criterios de valoración
Dentro dos criterios xenéricos terase en conta a creatividade, orixinalidade e o vistoso do conxunto. Tamén se valorará o uso de materiais naturais e reciclados, así como a introdución na decoración de elementos representativos do Concello de Xermade.
O xurado pode considerar deserta unha categoría se valora que as propostas non reúnen calidade suficiente para ser merecedoras do premio.
Cuarta.- Inscrición
A data de inscrición estará aberta desde a publicación destas bases ata o 19 de decembro ás 14.00 horas.
Para facela efectiva, será necesario enviar por e-mail (educadora.familiar@xermade.org) ou por Whatsapp (678 744 178):
• Categorías 1), 2), 3), e 4): nome, número de DNI e dirección postal da persoa representante (empadroada no concello) con 4 fotografías* por cada categoría á que se presenten.
• Categoría a): o nome do establecemento ou asociación, nome da persoa propietaria do mesmo ou da persoa da xunta directiva, número de DNI, dirección postal do negocio ou do local da asociación e 4 fotografías* da decoración de Nadal escollida para participar.
As persoas que o estimen oportuno, poderán enviar tamén un texto cun breve resumo (máximo 60 palabras) de cousas que considere importantes e non se aprecien ben nas fotos sobre o proceso de elaboración ou elementos da decoración.
(*As fotografías enviadas poderán ser expostas na web e redes sociais do Concello de Xermade. Non se aceptan colaxes.)
Quinta.- Xurado
O xurado estará formado polas seguintes persoas:
Presidente: Don Roberto García Pernas, alcalde presidente do Concello de Xermade.
Vogais:
1º Dona Tamara Rodríguez López, deseñadora e xerente de Mobelrías (Vilalba).
2º Don Ernesto Ares Yáñez, Técnico de Emprego do Concello de Xermade.
3º Dona Tamara Filgueiras Castrillón, Traballadora social do Concello de Xermade.
Secretaria: Dona Lucía Guizán Trastoy, educadora familiar do Concello de Xermade.
O fallo do xurado e a entrega de premios levarase a cabo nos dez últimos días de decembro.
Sexta.- Premios
O premio por cada categoría será unha cesta valorada en 130 €, conformada por produtos de alimentación e un vale para carburante.
En caso de quedar deserta algunha das categorías, poderase trasladar un segundo premio a calquera das demais.
En caso de empate nas votacións, desempatará o voto dobre da persoa especialista da materia, neste caso, a primeira vogal.
Un mesmo domicilio non pode ser premiado en dúas categorías. De darse esta situación, o premio pasará á seguinte vivenda máis votada da categoría na que resulte premiada por segunda vez, seguindo a orde numérica das mesmas.
Da decisión do xurado realizarase unha acta na que se incluirán o número de traballos presentados, así como as persoas premiadas por cada unha das cinco categorías (catro de vivendas e unha de negocios/asociacións).
Existe crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria 338 48 do vixente orzamento de gastos por importe de 650,00 euros para facer fronte ao presente gasto.
Sétima.-Datos de carácter persoal
Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable polo Concello de Xermade, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento.
Oitava.- Aceptación
A participación no concurso supón a aceptación destas bases, sobre as que, diante de calquera dúbida, prevalecerá a resolución que adopte o xurado, por maioría simple dos seus membros.
O incumprimento das bases suporá a descualificación no concurso. En contra das decisións do xurado non caberá ningún tipo de recurso.