A Corporación de Xermade reúnese en sesión ordinaria o xoves 11 de febreiro de 2021
O Concello de Xermade celebrará o primeiro pleno ordinario do ano 2021 o vindeiro xoves 11 de febreiro, ás 20:00 horas. Por mor da situación sanitaria, a sesión será telemática, coa asistencia da Deputación de Lugo, a través do persoal de Novas Tecnoloxías, tal como ven acontecendo nas últimas sesións plenarias.
Entre os asuntos a tratar na sección resolutiva están dúas modificacións orzamentarias, ambas financiadas con remanente líquido de tesouraría para gastos xerais, magnitude que arroxa un importe de 614.941,63 euros, consonte á liquidación do exercicio 2020 (asunto do que se dará conta ao pleno).
Unha delas é un crédito extraordinario, para facer fronte á achega municipal derivada dun convenio interadministrativo asinado o 30/12/2020 coa Deputación de Lugo para a adquisición dun camión contraincendios. Grazas a este convenio, a Deputación achega 60.000 euros para este fin, obrigándose o Concello de Xermade a aportar 12.600 euros.
A outra modificación é un suplemento de crédito por importe de 15.325,20 euros para facer fronte á achega municipal ao programa de investimentos do Plan Único 2021, tal como esixen as bases que regulan este plan.
Tamén se leva a Pleno un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 5.127,98 euros correspondentes a unha factura do 2020 presentada pola empresa encargada das analíticas da auga de consumo humano. Esta factura obedece a unhas mostras de carácter extraordinario que o Concello de Xermade se viu obrigado a realizar a finais de decembro a requirimento de Sanidade.
Na sección de control e fiscalización, ademais de dar conta dos decretos da Alcaldía, infórmase tamén dos envíos realizados a través da Oficina Virtual de Coordinación Financeira coas Entidades Locais, relativos ao 4º trimestre do exercicio 2020, entre os que cabe destacar o Período Medio de Pago a Proveedores, que se sitúa en 13,70 días.