O pleno reuniuse en sesión ordinaria o xoves 20 de xullo de 2023
O Pleno da Corporación celebrou o xoves 20 de xullo de 2023 a primeira sesión ordinaria do novo mandato. Entre os asuntos que se trataron na parte resolutiva está a aprobación da conta xeral do exercicio 2022, ou os festivos locais para o ano 2024 (repiten o martes de Entroido e luns de Santa María, o 5 de agosto).
Destaca a declaración de caducidade do inventario que camiños, que fora aprobado inicialmente en abril de 2018 pero dado o número de alegacións presentadas pola veciñanza (motivadas polos erros do documento elaborado pola empresa adxudicataria, Xíster SL), non chegou a ser aprobado definitivamente. O goberno municipal tamén levou a este pleno unha modificación orzamentaria mediante suplemento de crédito, a fin de contratar a elaboración dun inventario de camiños que poda ser aprobado definitivamente.
Outro asunto importante foi a aprobación provisional da modificación da ordenanza fiscal número 2, reguladora do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras, a efectos de introducir dúas bonificacións potestativas, de xeito que o artigo 6 quedaría redactado do seguinte xeito:
Artigo 6º. Bonificacións e deducións.
6.1.- Establécese unha bonificación do 50% da cota do imposto a favor das construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración. Corresponderá dita declaración ó Pleno da Corporación e acordarase, previa solicitude do suxeito pasivo, por voto favorable da maioría simple dos seus membros.
6.2.- Establecese unha bonificación do 95% da cota do imposto a favor das construcións, instalacións ou obras que se instalen no Polígono Industrial de Xermade. A declaración de interese ou utilidade municipal corresponde ao Pleno da Corporación e acordarase, previa solicitude do interesado, polo voto favorable da maioría simple dos seus membros. Coa solicitude deberá achegarse unha memoria da construción a realizar e memoria da iniciativa empresarial proxectada pormenorizando aqueles aspectos relacionados coa creación de novos postos de traballo.
6.3.- Establécese unha bonificación do 95% da cota do imposto a favor das construcións, instalacións, ou obras realizadas por agricultores ou gandeiros que queden afectas a dita actividade. A declaración de interese ou utilidade municipal corresponde ao Pleno da Corporación e acordarase, previa solicitude dos interesados, polo voto favorable da maioría simple dos seus membros. Coa solicitude deberá achegarse a acreditación da condición de agricultor ou gandeiro, así como da afección da obra ou instalación á realización de dita actividade.
6.4.- Establécese unha bonificación do 50% da cota do imposto, por concorrer circunstancias de carácter cultural e histórico, a favor das obras de rehabilitación de vivendas e edificacións tradicionais ou de singular valor arquitectónico, que supoñan a recuperación do uso residencial das mesmas, sempre e cando alomenos o 30% do orzamento de execución material das obras sexa realizada por empresas con domicilio fiscal en Xermade cunha antigüidade superior a dous anos, e alomenos o/a promotor/a se empadroe no municipio un mínimo de dous anos dende o remate das obras (agás que xa estivese empadroado).
Considerase edificacións tradicionais aquelas que cumpran dúas condicións (art. 33 Decreto 143/2016, polo que se aproba o regulamento da Lei do Solo de Galicia):
a) Que sexan identificables nas fotografías aéreas do «voo americano» do ano 1956.
b) Que teñan unha estrutura recoñecible como tradicional da arquitectura popular de Galicia.
Coa solicitude da bonificación achegarase unha copia do proxecto de obras obxecto da licenza urbanística solicitada, xunto cunha declaración responsable do cumprimento dos requisitos para obter a bonificación, así como o compromiso de presentar o certificado final das obras e as facturas polo custe total das obras ao seu remate.
A declaración de interese ou utilidade municipal corresponde ao Pleno da Corporación e acordarase, previa solicitude dos interesados, polo voto favorable da maioría simple dos seus membros.
6.5.- Establécese unha bonificación do 95% da cota do imposto a favor das construcións, instalacións ou obras nas que se incorporen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar para autoconsumo. A aplicación desta bonificación estará condicionada a que as instalacións para produción de calor inclúan colectores que dispoñan da correspondente homologación da Administración competente.
O suxeito pasivo deberá aportar, xunto coa solicitude da licencia, o proxecto técnico visado polo Colexio Oficial correspondente, acreditativo da incorporación á construción, instalación ou obra de instalacións de enerxía solar térmica ou de enerxía solar fotovoltaica para autoconsumo, así como da homologación dos colectores empregados para a produción de calor.
6.6.- Establécese unha bonificación do 90% da cota do imposto a favor das construcións, instalacións e obras que, en edificacións e instalacións xa existentes, favorezan as condicións de acceso e habitabilidade das persoas con discapacidade.”
Tamén se modifica o tipo impositivo, que actualmente é dun 2 por cento. A proposta inicial da Alcaldía era establecer un tipo progresivo, mantendo o 2 por cento para obras cun orzamento de execución material de ata 600.000 euros, e un 3 por cento para orzamentos superiores a 600.000 euros, pero esta proposta informouse desfavorablemente pola secretaria-interventora, en base a unha consulta vinculante emitida pola Dirección Xeral de Tributos no ano 2014. Por ese motivo a proposta de Alcaldía inclúe un tipo único do 3 por cento, a fin de aumentar os ingresos previstos pola instalación do parque eólico Santuario, actualmente en tramitación.