A Deputación de Lugo financiará a reposición de beirarrúas en Xermade
A Xunta de Goberno Local da Deputación de Lugo vén de aprobar un convenio de colaboración co Concello de Xermade para a reposición de beirarrúas e execución de senda peonil no núcleo de Xermade, por importe de 126.864,99 euros, dos cales 123.640,85 euros serán achegados pola institución provincial.
A finais de decembro a Alcaldía solicitou esta axuda, coa remisión dun proxecto técnico asinado polo enxeñeiro de camiños, canles e portos Miguel Ángel Fernández Rivera. O estado das beirarrúas da capital do municipio precisa unha renovación que pasa pola demolición das existentes (de baldosa hidráulica) e a execución dunhas novas, con lousa de formigón de 15 cm de cor, seguindo o modelo empregado no Campo da Feira-Momán.
Asemade, executarase unha senda peonil na entrada do núcleo, no tramo no que se atopa o lavadoiro público e dúas vivendas, a fin de mellorar a seguridade vial dos peóns.
Coa solicitude das axudas presentouse tamén solicitude de cesión das estradas de titularidade provincial no núcleo de Xermade en favor do concello.
O convenio asinouse o pasado 30 de decembro de 2022 e as obras deben executarse antes do 31 de outubro de 2023.