O Concello de Xermade solicita axudas para crear un Centro Internacional da Torneiría na Reitoral de Xermade
A Xunta de Goberno Local acordou, o 8 de xuño de 2022, solicitar unha axuda por importe de 373.196,48 euros ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, ao abeiro da Orde TMA/178/2022, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de axudas para a rehabilitación de edificios de titularidade pública, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O anteproxecto foi redactado pola doutora en arquitectura Luz Paz Agras e a arquitecta contratada pola Universidade da Coruña Marta Marcos Maroño, en base ao convenio de colaboración coa UDC aprobado pola Xunta de Goberno Local na mesma sesión, que ten por obxecto impulsar a rehabilitación das reitorais de Xermade e Roupar.
A rehabilitación da Reitoral de Xermade permitirá destinar este inmoble a un uso público de carácter cultural, cun espazo adicado a exposición permanente da torneiría, oficio tradicional de grande importancia no municipio, que celebra un encontro internacional no mes de setembro cada ano.
Porén, o convenio asinado coa UDC abrangue tamén a solicitude de axudas para a posta en marcha do proxecto “Casa da Veciñanza de Roupar”, o que permitirá a rehabilitación da Reitoral de San Pedro Fiz e a súa ampliación para uso asistencial, partindo do prototipo de equipamento dotacional para maiores no rural galego realizado por unha equipa multidisciplinar de docentes da UDC para a Deputación de Lugo en outubro do ano 2021.