Route 66

 

Dous grandes músicos de Blues de prestixio mundial chegados de Cansasiti saen a escena coa intención de interpretar o seu clásico repertorio. Pero nada máis comezar desátase o caos: os micros non funcionan… os cables enléanse… as partituras caen en cascada… Un desastre! Mil e unha situacións complicadas e cheas de comicidade levarán a estes dous elementos a poder interpretar finalmente o seu peculiar concerto. Un espectáculo de clown musical, para pequenos e
maiores, que busca a risa constante e a interactuación co público, con grandes doses de improvisación
e xogo escénico, que ven amosarnos que o éxito está no fracaso, asumido con alegría e ganas de
mellorar.

The Blues Grampas é unha compañía de teatro en clave de clown musical composta por dous recoñecidos actores de longa traxectoria e experiencia no panorama escénico galego: Juanillo Esteban (voz do “Xabarín” no programa Xabarín Club da TVG, actor en espectáculos como o musical “Galicia Canibal”, e colaborador habitual da compañia de teatro infantil Trinke-Trinke) e Carlos Sante (a famosa vella “Carmiña” en “Carmen, Gelines e D. José” do trío San&saN no programa Luar durante cinco temporadas, e actor en series como O Faro, Padre Casares, Matalobos, Serramoura, Fariña…).
Ambos conflúen dende 2004 na Asociación Manicómicos da Coruña, levando a cabo cantidade de proxectos artísticos en común, como galas, animacións de rúa, dirección de eventos, presentacións, espectáculos de variedades, e un longo etcétera. No 2015 crean o dúo cómico musical The Blues Grampas, co obxectivo de divertir a tódolos públicos cos seus excéntricos personaxes clownescos. Route 66 é o seu primeiro espectáculo, estreado no Teatro Rosalía da Coruña o 3 de xaneiro de 2016, dentro da gala XII aniversario de Manicómicos.