A Biblioteca municipal de Xermade, premiada novamente co María Moliner 2020
O Ministerio de Cultura e Deporte vén de publicar a resolución definitiva da Subdirección Xeral da Promoción do Libro, a Lectura e as Letras españolas en relación co concurso de animación á lectura María Moliner na súa edición do 2020.
A Biblioteca de Xermade foi seleccionada entre os 300 mellores proxectos presentados por municipios menores de 50.000 habitantes. O proxecto presentado foi elaborado pola auxiliar de biblioteca, María González Cabarcos, e leva por título “2020: Y a pesar de las dificultades, más lectura” e acadou unha puntuación total de 61 puntos. O premio é unha achega de 2.000 euros para a adquisición de libros ou publicacións periódicas que a veciñanza de Xermade queira ler.
Este é o quinto Premio María Moliner que recibe a biblioteca xermadina, tras recibilo nas edicións dos anos 2012, 2016, 2017 e 2018.