As casas e hoteis rurais, xunto coas anteditas rutas e o encanto das pequenas aldeas, acompañado da excelente gastronomía e da amabilidade das nosas xentes, convirten ao turismo rural nun sector en auxe que ofrece calidade no servizo.
Accesos municipais: Xermade está a 50 kilómetros de Lugo.
- Dende a A6: Saída en Parga ou Guitiriz, en dirección a Buriz, pola LU-170.
- Dende a A8: Saída de Vilalba, pola LU-861.
- Dende a AG-64: Polas saídas de Cabreiros e Lousada.
- Dende Viveiro, pola estrada LU-540.
ESCUDO.
Unha banda de ouro que lembra á que se dispón nas armas dos Andrade. Un báculo de prata que fai referencia á xurisdicción dos mosteiros de Meira e Monfero, sobre estas terras. Dous bazantes de ouro en alusión ás testemuñas arqueolóxicas, en particular ás referidas á cultura castrexa. Todo sobre un campo de sinople ( verde ), que representa a importancia da vexetación para a vida deste Concello.O conxunto cinguido con coroa, por ser concello creado na xurisdicción real.
VERDE, ENTRE RÍOS E MONTES.
A Serra da Carba delimita ao concello polo Norte, chegando aos 876 metros en Goía – Peñote. Ao Oeste, está a Serra da Loba, co cumio de 706 metros no Candieiro e os 702 metros no Serrón do Lobo.
Numerosos ríos e regatos reparten a auga do Concello ata o Atlántico e o Cantábrico. A través do Trimaz e o Labrada, chegan ao Ladra, que a canaliza ata o río Miño.
Polo Norte, o río Eume delimita Xermade e Muras, recollendo as augas do Chamoselo e o Folgoso.
O clima é oceánico con invernos chuviosos e con neve nos cumios. Os veráns son frescos e axeitados para a práctica de deportes de natureza.
RESERVA DA BIOSFERA .
A totalidade do Concello está incluído na Reserva da Biosfera “ Terras do Miño “, onde a auga é a protagonista dos ecosistemas.
RÍO EUME: Delimita Xermade polo Noroeste, dando nome ao Parque Natural Fragas do Eume. Este espazo está cuberto en grande parte por bosques de carballo e castiñeiro con alta diversidade de especies forestais e fauna. Abarca unha zona de Xermade limitando coa provincia de A Coruña.
COMPLEXO HÚMIDO PARGA – LADRA – TÁMOGA: Está formado por unha extensa rede fluvial con lagoas, árbores de ribeira ( ameneiros, salgueiros, freixos, carballos e acibros centenarios…) e zonas húmidas asociadas a pasteiros, áreas agrícolas. Acolle un importante número de aves acuáticas e mamíferos.
LIC SERRA DO XISTRAL: Inclúe no seu espazo de Rede Natura a Serra da Carba Sistema montañoso que se extende polo norte do Concello. De gran importancia ecolóxica pola presencia de especies endémicas típicas destas zonas e diversos tipos de uces. Na parte alta dos vales predomina o bosque caducifolio.Fauna variada pola diversidade de hábitats.
ALGO DE HISTORIA: PALEOLÍTICO, CASTROS E ROMANIZACIÓN.
Varios xacementos do Paleolítico sitúan en Xermade unha grande actividade nas primeiras épocas do poboamento de Galicia. Dous na Pena Grande de Férvedes, en Lousada e outro no monte de Candamil ( Abrigo Curaceiro ). Son cavidades naturais entre rochas que serviron de morada e refuxio aos primeiros habitantes de Xermade. Ao pé do primeiro destes xacementos, da Pena Grande de Férvedes, atopouse a manifestación artística máis antiga coñecida ata hoxe en Galicia; o colgante de Férvedes, unha peza ornamental do Paleolítico superior de máis de 17.000 anos de antigüidade. É un pequeño colar de pedra decorado cun trazo recto en ámbalas dúas caras.
A grande cantidade de medoñas son outro claro exemplo do megalitismo. Destaca pola súa extensión a necrópole de Lousada, na Abelleira, que é un conxunto de medoñas na que se atoparon restos megalíticos ( por exemplo, puntas de frechas ).
Os castros son manifestacións da cultura celta. Son significativos os castros de Xemaré e das Testas (en Burgás ), a Aira dos Mouros e O Castro ( en Cabreiros ), o Castro da Igrexa ( en Cazás ), Castrorramil ( en Momán ), Castrillán, Sucastro e A Graña ( en Roupar ) e o Monte do Castro ( en Miraz ).
A Vila Romana da Graña, deixa entrever restos un hipocausto ( único no interior da provincia de Lugo ), que indica que puido ser unha “villae” ( residencia dun patricio romano ), que conxuga estancias nobres e instalacións para a transformación e almacenamento de productos agropecuarios.
Dos pobos xermanos quedan munerosas mostras na toponimia.
IDADE MEDIA: Xermade era encrucillada de camiños. O Camiño Real da Carba, entre Mondoñedo e Ferrol, foi unha importante vía de comunicación medieval que se atopaba nestas terras cos camiños que unían Lugo e Betanzos con Viveiro.
IDADE CONTEMPORÁNEA :
ESCOLA HABANERA DE ROUPAR : É un fermoso e emblemático edificio, símbolo da preocupación que pola cultura tiveron os emigrantes da parroquia de Roupar na segunda década
do século XX. Recentemente restaurada e acondicionada, a edificación alberga hoxe o centro socio-cultural da parroquia de Roupar de Arriba. Está ubicaca xunto á igrexa parroquial .
CASA DA TORRE DE ROUPAR: Antiga morada do Conde de Amarante, hoxé é vivenda rural.
ESCOLA DE CABREIROS : Antigo colexio e hoxe local social dos veciños da parroquia.
PASOS DA PONTENOVA : Situados preto da Charca dos Patelos, e que servían para vadear o camiño anegado polo río nas enchentas.
PONTE DE ISABEL II, sobre o río Trimaz en Cabreiros.
ARQUITECTURA RELIXIOSA
Os cruceiros son sen dúbida o símbolo xenuíno da comarca da Terra Cha, formando parte inseparable da súa cultura e xeografía, pois casan de maneira inmellorable coa arraigada tradición relixiosa das súas xentes. O Concello de Xermade destaca pola cantidade de cruceiros existentes nas súas parroquias. Un exemplo destas cruces situadas nos camiños é o cruceiro situado en Xermade, concretamente na praza, xunto á IGREXA DE XERMADE, de estilo neogótico. Trátase do “CRISTO ENXOITO”, coroado por un quitasol ou paraguas de pedra que impide que se molle. No seu capitel destacan os anxos que o custodian.
A Musealización da antiga Igrexa Parroquial de Cabreiros, coa recuperación de arcos, pía e lápidas funerarias.
ETNOGRAFÍA.
MUÍÑOS: Os muíños de auga son edificacións singulares espallados por toda a xeografía do concello usados para moer o gran dos cereais colleitados na zona e que se almacenaba nos hórreos ou cabazos; dos que aínda quedan mostras no Concello con antigüidade superior a un século.
BATÁNS: Son máquinas movidas pola forza da auga, detinadas a trocar os tecidos tradicionais ( básicamente liño ), en tecido máis compactos, mediante o mecanismo de mazos de madeira. Hai restos destas construcións en Lousada, a carón do rego Folgoso.
CASA DA NEVEIRA: Situada tamén en Lousada. É un edificio de base rectangular, en pedra. A neve que se recollía en zonas próximas no inverno, pisábase na Casa da Neveira ata convertila en xeo, separado por láminas de palla para permitir así o seu corte posterior. Era usada para conservar o peixe no porto de Ferrol, ata onde chegaba a través do Camiño Real.
FOXOS DO LOBO: Empregados ata o primeiro terzo do século XX para a caza destes animais. As parroquias de Lousada, Momán e Cazás gardan vestixios destes elementos.
CÁRCERE DE ROUPAR: Edificio usado polo correxidor do rei en tempos do Conde de Amarante, como cadea.
FRAGA DA LAGOA: Nicho ecolóxico, no que carballos e acibros centenarios se mesturan co bosque autóctono. Na cabeceira nace o río Trimaz, ao que se unen outros regatos que baixan da Serra da Carba.