XII XORNADAS INTERXERACIONAIS RURAIS. APRENDENDO COS NOSOS MAIORES. Cabreiros, 28 de maio, 4 e 11 de xuño
A Asociación de veciñas/os de Cabreiros, a Facultade de CC. Da Educación da Universidade de Santiago e o Concello de Xermade, poñemos en marcha as “XII Xornadas Interxeracionais Rurais. Aprendendo cos nosos maiores”, que se celebrarán os días 28 de maio, 4 e 11 de xuño.
Desde a organización gustaríanos facer un convite extensivo a toda a comunidade educativa e veciñal de xeito que entre todas e todos se enriquezcan estas Xornadas.
As Xornadas Interxeracionais Rurais seguen cumprindo anos coa participación de veciñas e veciños do concello de Xermade e tamén de Friol, San Sadurniño, Esmelle (Ferrol) ou Cedeira. Este ano poñeremos en valor a agrogandeiría galega, falarase da situación actual no campo, dos seus problemas e dos novos retos.
Desde Friol e Esmelle traerán a Cabreiros experiencias de Asociacións veciñais que traballan para valorizar o rural coa implicación de veciñas e veciños.
María e Laura, mozas do concello de Xermade, presentarán unha guía das asociacións que temos nas distintas parroquias e remataremos a Xornada con dous grupos de pandereteiras, cantareiras e bailadoras, de 4 a 85 anos que nos acompañan desde San Sadurniño e Cedeira (Escola Municipal de Pandereta “Saime” de San Sadurniño e Asociación Cultural Aturuxeiras de Cedeira).
Pola tarde emitirase un fermoso programa de radio dirixido por dous expertos periodistas, onde se dará voz ás asociacións que nos contarán os seus proxectos e historia e tamén á xente do público que desexe participar.
O último día das Xornadas falaremos de saúde, farase entrega e presentación do II Premio Xermade na Historia, e pola tarde, Maxia e Teatro para todos os públicos
Esperando que sexan do seu agrado, agradecemos a súa difusión e participación nas mesmas.