Comunidade de enerxías renovables XERando
O pasado 19 de setembro constituiuse baixo a forma xurídica de asociación a Comunidade de Enerxías Renovables “XERando”, cunha grande resposta veciñal, xa que se uniron máis de 30 persoas, entre as que se atopan a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e o propio Concello de Xermade, amais da Comunidade de Montes de Lousada e dúas empresas.
A comunidade enerxética encargarase de xestionar a solicitude de subvencións para a obtención de fondos. A esta comunidade poderán unirse en calquera momento persoas físicas ou xurídicas con vínculo en Xermade.
O Concello de Xermade resultou beneficiario dunha axuda para planificación enerxética de comunidades enerxéticas por parte do INEGA, por importe de 11.600,00 euros (80%) , co seguinte obxecto:
b) Planificación enerxética de comunidades enerxéticas constituídas ou en fase de constitución:
Contratación dos servizos de asistencia técnica e/ou xurídica precisos para a definición das infraestruturas enerxéticas necesarias e a definición, elaboración ou ampliación dos estatutos que rexen ou rexerán a operativa e xestión da comunidade enerxética a partir da súa constitución. Co obxecto de contribuír á sostibilidade da comunidade enerxética esta deberá dispor dun estudo de viabilidade económica en que se avalíen cando menos os investimentos que se vaian realizar, o financiamento destes, os custos operativos e os ingresos previstos nun horizonte temporal mínimo de 10 anos. Serán subvencionables os custos do estudo de viabilidade económica e tamén os custos de actuacións de difusión para a captación de socios.
O vindeiro 21 de novembro o Observatorio Eólico de Galicia organiza unha xornada de información e debate que terá lugar no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo. O Concello de Xermade participará nunha das mesas de debate co fin de relatar a súa experiencia na constitución dunha comunidade enerxética.