A FEGAMP selecciona ao Concello de Xermade como concello piloto do proxecto CEL RURAL
O mércores 12 de xuño a Secretaría Xeral da Federación Galega de Municipios de Provincias (FEGAMP) comunicou ao Concello de Xermade que a Xunta de Voceiros acordou seleccionalo como concello piloto do proxecto CEL RURAL, para o desenvolvemento dunha comunidade enerxética rural.
Nunha primeira fase a FEGAMP convidou aos 240 concellos cualificados como zonas pouco poboadas a presentar a súa candidatura. Foron presentadas 32 candidaturas. O 19 de abril a FEGAMP acorda preseleccionar a 12 concellos, atendendo ás puntuacións acadadas nos criterios de selección, aos que se lles solicitou documentación xustificativa a fin de axustar as puntuacións iniciais. O Concello de Xermade acadou a puntuación máis alta (200 puntos) e resultou o máis adecuado para implementar o proxecto piloto.
O Concello de Xermade está traballando na creación dunha Comunidade Enerxética Local (CEL) dende primeiros deste ano, e a tal fin solicitou a liña de axudas do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) para este fin. A concesión provisional das axudas foi notificada o 7 de maio, sendo a data límite para a constitución da CEL o 30 de setembro de 2024.