Constitución da nova Corporación Municipal
A Corporación resultante das eleccións municipais celebradas o pasado 28 de maio constituiuse o pasado sábado 17 de xuño, ás 13.15 horas. O pleno de constitución tivo dúas partes diferenciadas: a toma de posesión dos concelleiros e concelleiras electos, en primeiro lugar, e a elección de alcalde, en segundo lugar. Roberto García Pernas acadou a maioría absoluta na primeira votación, polo que tomou posesión de novo do cargo, que ostenta dende o 2015.
A sesión transcorreu sen incidencias e nun ambiente de cordialidade entre todos os membros da Corporación. Ao remate, todos posaron para inmortalizar o momento ás portas da Casa Consistorial.
O pleno de organización terá lugar o vindeiro luns 26 de xuño, coincidindo co sorteo de membros das mesas electorais con motivo das eleccións xerais que se celebrarán o 23 de xullo de 2023.