Visita da subdelegada do Goberno a Xermade
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, visitou hoxe o municipio con motivo da concesión dunha axuda de 403.000 euros por parte do Instituto de Transición Xusta ao Concello de Xermade para rehabilitar a Casa Reitoral de Santa María, na capital xermadina, e convertela no futuro Centro Internacional da Torneiría.
Na visita estiveron presentes, en representación da Universidade da Coruña, a vicerreitora de infraestruturas e sustentabilidade, Amparo Casares Gallego, e as arquitectas Luz Paz Agras e Marta Marcos Maroño. Foi a universidade quen redactou o proxecto de rehabilitación e elaborou a documentación necesaria para a solicitude das axudas.
En representación da Asociación Amigos da Madeira das Pontes estivo presente o seu presidente, Alfonso Franco Criado.
O alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, acompañado do primeiro Tenente Alcalde, José Prieto Barro, e os concelleiros Nélida Coira Pena (grupo socialista) e Antonio Riveira Requeijo (grupo do Partido Popular), mostrou aos asistentes o inmoble e a contorna, na que se plantará un bosque autóctono e se habilitará un pequeno aparcamento para vehículos e biciletas.