O Pleno celebrou sesión ordinaria o pasado xoves 9 de xuño
O Pleno xermadino reuniuse en sesión ordinaria o pasado xoves 9 de xuño, ás 20:00 horas. Entre os asuntos que se trataron na parte resolutiva destaca a solicitude á Xunta de Galicia de aprobación da delimitación do tramo Vilalba-Betanzos como integrante do Camiño Norte de Santiago, tamén chamado “Camiño Real”, recollendo a petición do denominado “Grupo de Amigos do Camiño Norte (tramo Vilalba-Betanzos)”.
Por outra banda, tamén se aprobou o Plan de Medidas Antifraude, que vai permitir ao Concello de Xermade garantir que os fondos correspondentes ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que vai xestionar e executar se empreguen de conformidade coas normas aplicable á prevención, á detección e corrección da fraude, a corrupción e os conflitos de intereses. Será a Secretaría-Intervención municipal o órgano encargado da implantación e control deste plan.
Na parte de fiscalización e control, douse conta dos envíos realizados á Oficina Virtual de Coordinación Financeira coas Entidades Locais, entre o que destaca o Período Medio de Pago do primeiro trimestre: 13,75 días.
Tamén se dou conta do informe-resumo dos resultados do control interno no exercicio 2021, e do Plan Anual de Control Financeiro do exercicio 2022, así como das resolucións da Alcaldía contrarias aos reparos efectuados pola Intervención no exercicio 2021.
O Pleno reunirase novamente en sesión ordinaria o segundo xoves do mes de agosto.