Solicitude dun Punto de Atención Temperá para os concellos de Xermade, Vilalba e Guitiriz
O Concello de Xermade agrupouse con Guitiriz e Vilalba para a solicitude conxunta dun Punto de Atención Temperá, ao abeiro da Orde do 11 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá publicada no DOG de 26 de xaneiro 2021.
Trátase dun servizo dirixido á poboación infantil de 0 a 6 anos, a súa familia e a súa contorna, co obxectivo de dar resposta o máis axiña posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presenten as crianzas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.
Solicítanse 1.760 horas anuais para un equipo multidisciplinar formado por logopeda, fisioterapeuta e terapeuta ocupacional, que prestarán os seus servizos nos tres municipios, no caso de que a subvención sexa concedida. Deste xeito, as crianzas e as súas familias poden recibir esta asistencia nos seus municipios de residencia, sen necesidade de desprazarse á capital lucense.