Curso de Autodefensa para Mulleres Ante Situacións Violentas

Os próximos venres 17 e 24 de novembro, na Biblioteca Municipal de Xermade, terá lugar un curso de “Autodefensa para Mulleres Ante Situacións Violentas” monitorizado por especialistas da Federación Galega de Loita pertencente ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Este curso forma parte das actividades programadas de cara ao 25N polo Concello de Xermade. A participación é libre e gratuíta.

Inscricións: por whatsapp no 678 74 41 78 (Educadora familiar)

Programa de compostaxe doméstica

O Concello de Xermade continúa coas medidas de implantación do programa de compostaxe doméstica iniciado no 2019 coa solicitude de 25 composteiros a SOGAMA para iniciar a compostaxe in situ.
No 2020 solicitouse unha subvención conxuntamente co Guitiriz para compostaxe doméstica e para o CEIP Xermade.
Ao abeiro da Orde do 1 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, (código de procedemento MT975P), publicada no DOG n.º 112 o 14 de xuño de 2023, solicitouse a adquisición de 103 composteiros domésticos, que serán repartidos entre a veciñanza que o solicite voluntariamente, a fin de cumprir o compromiso de implantar a compostaxe doméstica do 100% dos biorresiduos xerados antes do 30 de decembro de 2025.

Recepción dunha miniexcavadora para o Concello de Xermade

O pasado martes 31 de outubro o alcalde, Roberto García Pernas, e o primeiro tenente de alcalde, José Prieto Barro, recibiron o vehículo destinado ao servizo de medio ambiente e obras do Concello de Xermade, unha retroexcavadora modelo SUWARD SWE35UF servida pola empresa asturiana Transfaya SL. O custe do vehículo ascende a 58.685,00 euros.

O Concello de Xermade precisa dun vehículo destas características para a protección do medio ambiente e do espazo natural. O acondicionamento e conservación dos camiños rurais e pistas forestais lévase a cabo con maquinaria e a mini retroexcavadora é necesaria para realizar pequenos movementos de terras e gabias que permitan a canalización de augas pluviais.

O vehículo é financiado polo Fondo de Compensación Ambiental, liña de concorrencia non competitiva, anualidade 2023, por importe de 30.133,49 euros. O Concello de Xermade achega 28.551,51 euros.

 

Coidados porta a porta

A Xunta de Galicia puxo en marcha o programa de Coidados porta a porta, que percorrerá todos os concellos de Galicia para ofrecer consultas de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria a preto de 100.000 galegos.

Que servizos se prestan?

Servizo de podoloxía: Faise unha consulta básica de podoloxía; unha valoración do estado xeral do pé; un corte e limpeza de uñas; eliminación de durezas, calos e helomas.

Servizo de audioloxía: Valoración e exploración funcional da audición e prevención da perda auditiva.

Servizo de estimulación da memoria: Un profesional realizará unha valoración cognitiva e achegará as pautas desde unha perspectiva terapéutica de como previr e aminorar un deterioro, en caso de habelo.

A quen vai dirixido?

Destes servizos poderán beneficiarse todas as persoas maiores de 55 anos, con cita previa e de xeito gratuíto.

Como pido cita?

Pode solicitar cita previa nos teléfonos 622 748 283 – 623 546 992 ou no correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal