Fallo do III Concurso de decoración de Nadal

En Xermade, a 27 de decembro de 2022, tras escoitar todas as partes do xurado do concurso, conformado por:

• Presidente: Don Roberto García Pernas, alcalde presidente do Concello de Xermade.
• Vogais:

1º Dona Tamara Rodríguez López, Deseñadora e xerente de Mobelrías (Vilalba).
2º Dona Miriam Alonso Domínguez, Auxiliar de Biblioteca do Concello de Xermade.
3º Dona Nuria Lagüela Felpeto, Traballadora social do Concello de Xermade.

Concluíuse que:

-En cada unha das categorías do concurso houbo o seguinte número de participantes:

1) Vivendas Árbore de Nadal: 6
2) Vivendas Nacemento/Belén: 6
3) Vivendas Decoración xeral interior: 7
4) Vivendas Decoración exterior: 12
A) Negocios Decoración xeral: 2

-Tendo en conta os criterios de valoración descritos nas bases do concurso, realizadas as valoracións pertinentes, a decisión de conceder os premios será:

1) Vivendas Árbore de Nadal: Xenxo Romero Díaz (Momán)

2) Vivendas Nacemento/Belén: Pilar Gesto Carballo (Xermade)

3) Vivendas Decoración xeral interior: Aroa Blanco Prieto (Cabreiros)

4) Vivendas Decoración exterior: Esther Roca Barro (Roupar)

A) Negocios Decoración xeral: Ramón Vázquez Rial de Seawind Global Energy S.L. (Roupar)

A entrega de premios será o mércores 28 de decembro ás 13.30 no Salón de Plenos do Concello de Xermade.

¡Parabéns!

Acta Xurado III Concurso Decoración de Nadal

Nadal 2022 en Xermade

Pleno ordinario celebrado o 15 de decembro de 2022

O Pleno corporativo reuniuse en sesión ordinaria o xoves 15 de decembro de 2022, ás 20.00 horas. Aprobouse unha bonificación do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras do 95% a solicitude dunha empresa que ampliou a súa actividade coa construción dunha nave industrial para almacenamento de estruturas de madeira no polígono de Xermade, elixiuse xuíza de paz titular para os vindeiros catro anos e aceptouse a cesión de tramos antigos das estradas autonómicas:
• Estrada de titularidade autonómica que comunica a AC-170 e AC-861 na que se realizou senda peonil
• Sobrante ao carón da AC-170 próximo ao Campo de fútbol de Cabreiros
• Sobrante nas proximidades en O Empalme no nó da AG-64, a LU-861, LU-540 e LU-170
Estes espazos foron solicitados con motivo dun proxecto de actuacións para mellora da área recreativa da Acea, no río Trimaz, e construción de área de autocaravanas a carón do campo de fútbol de Cabreiros, que non resultou beneficiario das axudas de Reserva da Biosfera para os anos 2022 e 2023.
Na parte de control e fiscalización, o Partido Popular presentou unha moción para esixir a mellora da cobertura de liñas telefónicas e transmisión de datos 4G no termo municipal, que se aprobou por unanimidade. Porén, a Alcaldía xa se dirixira ás principais compañías de telecomunicacións que operan en Xermade en data 1 de decembro para esixir unha mellora das telecomunicación no concello.
Dende a Corporación municipal despediuse a sesión desexando unhas felices festas á toda a veciñanza.

Licitación do Servizo de Atención Temperá

A Xunta de Goberno Local, na sesión extraordinaria celebrada o pasado mércores 30 de novembro de 2022, aprobou por segunda vez a licitación do Servizo de Atención Temperá, compartido cos concellos de Guitiriz e Vilalba. A anterior licitación declarouse deserta ao non dispoñer ningún licitador dos medios persoais mínimos requiridos para a execución do contrato.
Consonte a Orde que regula a convocatoria das axudas de atención temperá por parte da administración autonómica, nesta nova licitación os medios mínimos requiren dun equipo de tres profesionais. Outra novidade é que agora o servizo licítase de xaneiro ao 31 de outubro de 2022, con posibilidade de prórroga ata o 31 de outubro de 2023.
O prazo de presentación de ofertas finaliza o 15 de decembro, e a mesa de contratación reunirase para a apertura do sobre A o venres 16 de decembro. O Concello de Xermade prevé ter adxudicado o servizo na segunda quincena do mes de xaneiro.
Toda a información da licitación atópase na Plataforma de Contratos do Sector Público.

III Concurso de decoracion de Nadal

O Concello de Xermade convida a toda a veciñanza a participar nun concurso de decoración de Nadal, co fin de dinamizar a participación activa da cidadanía, fomentando a súa creatividade, e incentivando a ilusión das máis pequenas e pequenos.
Aquelas persoas que queiran participar deben seguir as presentes bases do concurso:

As categorías do concurso serán:
1) Vivendas: Árbore de Nadal
2) Vivendas: Nacemento/Belén
3) Vivendas: Decoración xeral interior
4) Vivendas: Decoración exterior
a) Negocios: Decoración xeral

Na participación por vivendas, a inscrición debe facerse a nome dunha persoa empadroada en dita vivenda do concello. Unha mesma vivenda pode escoller participar nas categorías 1), 2), 3), e/ou 4), máximo a catro categorías, mínimo de unha.
Na participación por negocio, a inscrición será a nome da persoa titular do mesmo. A súa participación será exclusivamente na categoría a).

O tema do concurso será a festividade do Nadal, os motivos tradiciónais da mesma, tendo as persoas participantes plena liberdade no referente a técnicas e estilos.

Dentro dos criterios xenéricos terase en conta a creatividade, orixinalidade e vistosidade.Tamén se valorará o uso de materiais naturais e reciclados, así como a introdución na decoración de elementos representativos do Concello de Xermade.

A data de inscrición estará aberta desde a publicación destas bases ata o 21 de decembro ás 14.30.
Para facela efectiva, será necesario enviar por email (educadora.familiar@xermade.org) ou whatsapp (678 744 178):
-Categorías 1), 2), 3), e 4): nome, número de DNI e dirección postal da persoa representante (empadroada no concello) con 3 fotografías* por cada categoría á que se presenten.
-Categoría a): o nome do negocio, nome da persoa propietaria do mesmo, número de DNI, dirección postal do negocio e 3 fotografías* da decoración de Nadal que consideren.

(*As fotografías enviadas poderán ser expostas na web e redes sociais do Concello de Xermade.)

O premio por cada categoría será unha cesta valorada en 130 €, conformada por productos de alimentación e un vale para carburante.

Bases III Concurso de decoración de Nadal 2022