Licitación de mellora de camiños e adquisición dun camión contraincendios

A Xunta de Goberno Local do Concello de Xermade aprobou o pasado 10 de marzo de 2021 o expediente de contratación da obra “Mellora de firme en Buscalte, Roupar, Bidueiral, Souto, Aguillón, Pena, Cerveira, Sanche, Leboré, Folgueiras e Seixo”, cun orzamento de 91.310,81 euros (IVE incluido) financiados con cargo ao Plan Único 2020. O prazo de presentación de ofertas remata o 1 de abril ás 23.59 horas, e a apertura terá lugar o luns 5 de abril ás 10.00 horas.

Por outra banda, na sesión ordinaria celebrada o 24 de marzo de 2021, a Xunta de Goberno aprobou o expediente de contratación para a subministración dun vehículo tipo autobomba rural pesada (BRP) destinado a actuar en situacións de emerxencia (incendios, seca, etc.), por importe de 72.600 euros (IVE incluido), dos cales a Deputación de Lugo achega 60.000 euros a través dun convenio asinado o 30 de decembro de 2020, e os 12.600 euros restantes son achegados polo Concello de Xermade. O prazo de presentación de ofertas remata o 19 de abril, e a apertura terá lugar o día 20 de abril ás 10.00 horas.

 

Fallo do xurado do concurso “MuXer: Muller de Xermade”

Parabéns ás persoas premiadas e GRAZAS a todas as persoas participantes por axudarnos a facer esta pequena homenxe á muller xemadesa.

Acta xurado MuXer

Solicitude dun Punto de Atención Temperá para os concellos de Xermade, Vilalba e Guitiriz

O Concello de Xermade agrupouse con Guitiriz e Vilalba para a solicitude conxunta dun Punto de Atención Temperá, ao abeiro da Orde do 11 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá publicada no DOG de 26 de xaneiro 2021.

Trátase dun servizo dirixido á poboación infantil de 0 a 6 anos, a súa familia e a súa contorna, co obxectivo de dar resposta o máis axiña posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presenten as crianzas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.

Solicítanse 1.760 horas anuais para un equipo multidisciplinar formado por logopeda, fisioterapeuta e terapeuta ocupacional, que prestarán os seus servizos nos tres municipios, no caso de que a subvención sexa concedida. Deste xeito, as crianzas e as súas familias poden recibir esta asistencia nos seus municipios de residencia, sen necesidade de desprazarse á capital lucense.

8 de marzo de 2021

Este 8 de marzo, dada a situación sanitaria actual, no Concello de Xermade organizamos a actividade “Enraizando igualdade”.

Debido á pandemia, houbo un gran retoceso en igualdade, xa que pese a que as mulleres estiveron en primeira liña como coidadoras e sanitarias, foron as máis castigadas pola crise económica, xa que ocupan os sectores máis golpeados, como a hostalería ou o comercio. Tamén quedaron sen traballo empregadas do fogar, o que levou a un aumento da feminización da pobreza. No confinamento nos fogares, as nais levaron a sobrecarga do coidado dos fillos, renunciando ó seu emprego ou reducindo horarios e salarios. Viuse tamén un preocupante aumento das chamadas ó 016 e de denuncias por violencia de xénero.

Todo esto mostra que debemos seguir loitando e reivindicando os dereitos das mulleres.

Con esta actividade simbólica, na que prodecemos a colocar varias plantas moradas no colexio e a carón da biblioteca, pretendemos visibilizar a importancia do cultivo da igualdade en contra da discriminación que sufren as mulleres en diversos eidos, recordando tamén coas fotos do concurso de fotografía a nais e avoas que fixeron tanto por nós, sen olvidar o compromiso de que no futuro queda aínda moito por facer.