IV INVERNADA DE CINE- CABREIROS. XERMADE

IV INVERNADA DE CINE

CASA ESCOLA DE CABREIROS

Organiza: Asociación de Veciñas/os de Cabreiros, Concello de Xermade e Facultade de CC. da Educación da USC.

Lembramos a toda a veciñanza que un ano máis está en marcha a Invernada de cine en Cabreiros. Unha actividade na que se busca compartir tardes de ocio entre familias, amizades, veciñanza e todas aquelas persoas que se queiran achegar ata Cabreiros para pasar unhas tardes entretidas e con contidos moi variados.

Este ano temos a gran sorte de ser o segundo concello da provincia de Lugo onde se estrea “VIDA” e o documental “Máis ca Vida”, de Rubén Riós. Aquí tivemos ás persoas protagonistas, Mónica Ferreiro e Óscar Rodríguez. Unha tarde chea de emocións e leccións de vida.

O 12 de novembro foi un día especial presentado polo mestre Alfonso Blanco Torrado, gran dinamizador cultural do concello de Guitiriz que presentaba a Bruno Pena e a súa peza “A chave de Bascuas”. Unha obra que parte coma un proxecto de fin de grao e na que participan máis de 70 persoas.

O sábado 26 de novembro presentamos a II Edición de “Queremos escachar coa risa” onde María Carballo e Laura Cabarcos nos amosarán distintos videos virais con distintos toques de humor. Sen dúbida será unha xornada moi divertida…

No mes de decembro tamén teremos actividade… será o día 3, acompañaranos Roberto Lolo con dúas das súas curtas, “Osito de peluche 3” e “Tienes un móvil”… dúas pezas que nos farán reflexionar e propiciarán o debate. Ademáis contaremos cunha protagonista especial, unha nena sarriana que visita moito o noso concello.

E rematamos o día 10 de decembro con “Moito conto con Ana Carreira”, un espectáculo para toda a familia. Ana é actriz, dramaturga, directora e narradora oral. Adica parte da súa profesión á creación de historias infantís.

Queda todo o mundo convidado a vir a Cabreiros, Xermade, á nosa Invernada de Cine. Un espazo interxeracional que busca unir persoas, entreter, ensinar, emocionar, debatir… e sobre todo, compartir.

Esperámosvos.